A Volta a Galicia: 25/ A molladura de Monforte


Góngora, no Mont Forte

Xa no picouto da cidade, o historiador toma a palabra e di ao resto dos científicos:

_San Vicente, a torre, o mosterio, o parador, o Pino, o pazo, o pináculo, o Monforte histórico e monumental leva hoxe a dirección postal de Praza de Luis de Góngora, que foi un dos escritores protexidos do VII conde de Lemos…

_…e da súa muller, dona Catalina da Cerda, con perdón _ malmetín eu por aquilo de presumir do pouco que un sabe.

_En efecto, Pelúdez _ sorprendeuse o gachó _. ¿Como é que coñece tan ben a historia de Monforte?

_Non teño nin idea. A historia de Monforte non a saben nin Hermida Balado, Germán Vázquez e o Lois Diéguez xuntos, así que eu, moito menos. O que si podo repetir, de telo escoitado, coido que ao Manuel María, é o motivo polo que o Góngora fai un poema tremebundo contra Galicia.

_Non está constatado que sexa seu _ volve o historiador.

_Bo, pois daquela será meu _ espeteille de súpeto.

_É igual, Pelúdez; conte o que sexa.

_O caso é que Góngora pasa uns días en Monforte grazas á xenerosidade dos condes e como queira que a muller ía moitas tardes de paseo en barca polo Cabe, o poeta participa tamén nunha desas excursións, que segundo Arias Sanjurjo, ocultan as visitas que Catalina fai a unha meiga de Distriz, pola teima de embarrigar.

_Nada imposible, daquela.

_Entón, como os excursionista teñen que pisar no río para pasar por entre algunhas rochas do baixo que viña, baixa Góngora, esbara no verdello e cae nas augas do Cabe con toda a roupa que leva posta. As risadas dos outros sábenlle a corno queimado e aos poucos días escribe eses versos onde di que as mulleres galegas son “de anchos culiseos, tetas de vacas, piernas de correos”.

_¡Imposible! ¡Non o houbera consentido Catalina da Cerda! _ berra o historiador.

_Non sei. Fala coa Aído.

Catalina

Comenta