Fernández Paz, todo polo ensino

O escritor de Vilalba consegue os máis importantes premios de Literatura Infantil e Xuvenil de España

CANDO LLE PIDEN un autorretrato da súa infancia, o terceiro fillo de Antonio Fernández Pillado e Antonia Paz Cascudo, Agustín Fernández Paz (Vilalba, 1947), afirma: “Fun neno nos anos cincuenta, así que pertezo á última xeración de europeos que medrou sen televisión”.

Esa carencia víase compensada polas “historias nocturnas contadas arredor da cociña de ferro, algúns libros de aventuras, os contos, e as escasas películas de cinema que podiamos ver”. De entre os seus heroes, hai un especial, a descuberta do Capitán Trueno.

Na escola de Vilalba que lembra en tantas ocasións é vítima de acoso e violencia por parte dun compañeiro de máis idade sen que o mestre o impida. Agustín atopa a vinganza literaria a través da novela ‘No corazón do bosque’.

Aos 13 anos sae de Vilalba para estudar na Universidade Laboral de Xixón. Previamente o pai preséntao a un exame en Lugo que aproba. “Sen saber nada da U. L., nin o que ía estudar nela, atópome interno naquel edificio inmenso con outros centos de rapaces aos que o réxime franquista lles ofrece a oportunidade de acceder a uns estudos que doutro xeito nunca poderían acadar”.

Fai Peritaxe Industrial e traballa en Barcelona. De novo en Galicia, estuda Maxisterio e Ciencias da Educación. Agustín está atraído polo mundo do ensino, e o perito muda agora nun profesor de EXB no Colexio Fogar de Santa Margarida (A Coruña).

Logo de varios destinos, remata a súa actividade docente como profesor de Lingua e Literatura Galega no IES Os Rosais 2 de Vigo.

Pero a súa preocupación pola mellora da docencia lévao a colaborar en proxectos á marxe do propio labor como ensinante. Así participa nos estudos para a Reforma Educativa, da Consellería de Educación e de 1989 a 1995, é coordinador docente de Galego.

Funda os colectivos Avantar e Nova Escola Galega e elabora moitos materiais didácticos, como as series, Novelas de Papel, Canles, Labia, O noso Galego e outras.

En paralelo, a partir de 1987 desenvolve unha intensa actividade ao redor da literatura infantil e xuvenil, non só como creador, senón tamén como estudoso. Como se pode comprobar, os tres eidos son o mesmo, a pedagoxía, aínda que no é a única motivación, pois como di Agustín nas súas primeiras aparicións como escritor: “Sempre me apasionou a lectura dos xéneros considerados marxinais, ou abertamente mal vistos: os cómics, as novelas de terror e de ciencia-ficción, a novela negra, os clásicos de aventuras…”

A súa extensa obra leva aparellada os máis importantes premios españois, como se comproba nesta relación:

As flores radiactivas, 1989 (Premio Merlín).

Cuentos por palabras, 1991 (Premio Lazarillo. Seleccionada pola Fundación Germán Sánchez Ruipérez como unha das cen mellores obras de literatura infantil española do século XX).

Trece años de Blanca, 1994 (Premio EDEBÉ de literatura xuvenil).

O meu nome é Skywalker (Premio Barco de Vapor).

A escola dos piratas, 2005 (Premio Edebé de Literatura Infantil e Xuvenil).

Aire negro “Aire negre”, 2001 (Premio de Literatura Protagonista Jove).

No corazón do bosque. 2002 (Finalista do Premio Nacional de Literatura 2002).

O único que queda é o amor, 2007 (Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil).

Aos que hai que engadir outros corenta títulos, traducidos a todas as linguas españolas e a outros idiomas.

Ao mesmo tempo, no ano 2010 rexeita o Premio Cultura Galega de Literatura en protesta pola política da Xunta sobre o galego.

Casa con Inmaculada Reino, con que foi pai de Mariña Fernández Reino. Morre en Vigo no ano 2016.

Comenta