Novo Cazón, a intrahistoria de Vilalba

Lembranzas do catedrático nunha entrevista pouco tempo antes de falecer

POUCOS MESES ANTES da súa morte tiven a sorte de botar unha longa parrafada con José-Luis Novo Cazón (Vilalba, 1949). Foi casualidade, porque nin por asomo podía sospeitar que estabamos tan preto da súa fin.

Frases soltas daquela conversa foron publicadas na serie Antoloxía da Memoria e unha escolma apareceu como “Última entrevista” ao día seguinte do seu pasamento. Outra boa parte permanece inédita.

Novo, coñecido como Luis de Cernadas, estuda Filosofía e Letras para facer o doutoramento en Historia pola Universidade de Oviedo. Foi catedrático de Xeografía e Historia, subdirector xeral do Libro, Bibliotecas e Patrimonio Documental da Xunta (1984- 1988), director xeral da EXB (1987-1990), e presidente do Instituto de Estudos Chairegos.

Da súa infancia conta que “en traballos de campo participei pouco porque a min me dedicaron a estudar. Amais meu pai era carpinteiro e a labranza non era a súa actividade principal. Meu pai non me aprendeu o oficio pero eu ás agachadas fun practicando algo, despois de observar como traballaba. No fondo imitaba a meu pai polo que sentía unha profunda admiración”.

“En Vilalba existían dous cines, un aquí na rúa de Meira fronte á Academia, que hoxe desapareceu o edificio e mais o cine, e o parroquial. As películas que traían non eran moi axeitadas para nenos. Unha das primeiras películas que vin foi Los diez mandamientos. Despois vin outra que hoxe me escandalizaría se a ve un neno, que foi El último cuplé, de Sarita Montiel, que non sei como me deixaron entrar, pero o feito é que a vin. Sara Montiel era guapísima. E curiosamente, eu vina no cine parroquial. Para explicalo hai que lembrar que había un coadxuctor, que logo saíu de cura, e que xa daquela era moi liberal e ao mellor poñíaas porque a el tamén lle gustaban ese tipo de películas.”.

Novo fala logo da compañía catalana da luz que fixo o salto do Tronceda e que “tamén querían facer un ferrocarril que enlazase Ribadeo con Baamonde pero quedou en nada. Iso sería un gran avance naquela época porque as comunicacións entre Vilalba e Baamonde para fornecerse de mercadorías facíanse con recuas de cabalarías, pero a pesar das presións da entidades locais non foron quen de conseguir o tren. Conseguiron abrir as rúas que comunican con Ferrol, Lugo e Baamonde”.

Autor de A Memoria de Vilalba (2006), Novo Cazón era a persoa ideal para lembrar tanto o pasado remoto, como o inmediato: “Meus amigos non, pero meu pai si que cultivaba tabaco porque era un fumador empedernido. Por certo, estaba prohibido porque era un produto estancado, de aí que o cultivase no medio das leitugas. Do que non me lembro é do proceso que seguía. Outros, como un veciño meu, fumaba ramas de pataca envoltas en papel de xornal. Cada un se defendía como podía. Cando tiña 89 anos pregunteille: “Manuel, ti canto levas fumando?” E díxome: “Desde os trece anos e non sempre tabaco”. Pois logo non fumarías marihuana ou cousas polo estilo? “Non, non. Rama de pataca envolta en folla de periódico”. Veleno puro.

“Daquela non se pode dicir que fosemos galegofalantes senón castrapo-falantes pois mesturabamos o galego co castelán. O galego utilizabámolo no ámbito doméstico e o castelán no académico. Para moitos de nós, a escola foi a primeira toma de contacto cunha nova lingua, o castelán, e co tempo fómonos facendo bilingües. Eu podo dicir que cando fixen o ingreso no instituto era prácticamente bilingüe. Unha que aprendín como lingua materna, e outra na escola, e sen ningún problema”.

Comenta