Miro Casabella, a primeira das Voces Ceibes

O cantante de O Valadouro xa amosa a súa admiración por Raimon o ano 1964

ANTES DE MARCHAR a Barcelona no ano 1964, Miro Casabella (O Valadouro, 1946) xa admira a Raimon, xa coñece o movemento da Nova Cançó e xa desexa implicarse nunha tarefa renovadora da música popular galega, semellante á que se observa en Cataluña e no País Vasco.

A proba de que foi así é unha entrevista dese ano que asina Ángel de la Vega nas páxinas de El Progreso cos tres compoñentes dun trío musical que vén de formarse en Ferreira do Valadouro, Ramiro Cecilio Domingo Casabella López, que canta e toca a guitarra; Quico Cancio, a os trastes dun laúd e Nano Lorenzo, cunha harmónica e unha guitarra.

Constitúen o Trío Soberano, e non porque sexan grandes consumidores deste brandy, senon porque o seu representante naquelas terras se ofreceu para patrocinalos a cambio de utilizar ese nome que “é cousa de homes”.

Dese xeito, Andrés Orol lévaos a Foz para actuar nun festival en prol do Asilo, ou ás Vodas de Ouro do párroco de Ferreira, don Eulogio, ou á igrexa, para cantar as panxoliñas do Nadal.

Grazas á testemuña do seu irmán Xosé, sabemos que todo comeza cando a súa curmá Elsira Castro Casabella, que vive en Venezuela, faille o agasallo dunha guitarra ao mozo Miro, que daquela non ten a máis mínima idea do instrumento.

A guitarra de Elsira non aparece porque si, senón que é unha homenaxe a seu avó común, Cecilio de Frexulfe, que moi neno queda cego pola varíola e que a raíz desa desgraza aprende a tocar o violín para facer varias viaxes a Arxentina e amosar alí as súas habelencias co instrumento.

O agasallo de Elsira fai que Miro reciba unhas clases elementais do médico Don Pepe (José Mel Pérez) para que logo, xa con certos coñecementos, poida crear o Trío Soberano.

Naquel intre non queren imitar a ninguén, agás a Raimon, pero obrigados polo xornalista, falan da xente que lles chama a atención, como o Trío Guadalajara, os Brothers Four, Nina and Frederik e no que a orquestras se refire, Los Satélites da Coruña.

Pero dentro dese mesmo ano Miro marcha a Cataluña para estudar Arquitectura Técnica e integrar a súa tuna, para coñecer a Mónica, a súa muller e para iniciarse no que será a Nova Canción Galega, que terá nel a un dos máis sobranceiros representantes, aínda que o seu debut, como vimos, non foi en Cataluña, senón en Ferreira.

Nesas estamos cando se xuntan no Hotel Compostela os que forman o núcleo inicial de Voces Ceibes, ou sexa, Benedicto, Araguas, Alfredo Conde, Xerardo Moscoso, Margariña Valderrama e Xavier del Valle, que mantiña correspondencia con Raimon e que dará o nome definitivo ao movemento. Voces Ceibes ten en Manuel María a referencia poética, petrucial e ideolóxica. Queren ser Els setze judges ou Ez dok amairu galegos.

Miro está na mesma liña e a súa integración en VC é cuestión de tempo. Será un ano despois no chamado concerto fundacional de Santiago. El canta ao chantadino Costa Clavell, a Celso Emilio, a Curros e a Rosalía. Entón participa con Serrat e Pi de la Serra no I Festival Internacional da Canción de Barcelona e gaña o terceiro premio.

Outro momento emocionante daqueles tempos é a súa actuación na anual Fête de L´Humanité, o xornal comunista de París, que neses anos convoca na capital francesa a xente como Mikis Teodorakis, Joan Baez, Georges Moustaky, Pink Floyd, The Who, Chuck Berry, Jerry Lee Lewis, Leonard Cohen ou Paco Ibáñez, co que mantén unha fonda amizade desde anos atrás, como co portugués Luis Cilia.

Logo virá o grupo de folk DOA e moitas máis cousas.

Comenta