Maruxa Villanueva, a Raíña dos Alalás

A cantante e actriz de Carballedo tivo ao seu coidado a Casa-Museo de Rosalía durante 27 anos

MARÍA ISAURA VÁZQUEZ Blanco (Carballedo, 1906) utiliza o nome artístico de Maruja Blanco antes de atopar o definitivo de Maruxa Villanueva por suxestión de súa irmá.

A familia Vázquez Blanco é da Barrela, na parroquia de Santiago de Lousada, é dicir a actual capitalidade do concello logo dunha accidentada historia de traslados. O pai é comerciante e a nai ten estudios como para darlles unha boa educación aos cinco irmáns. María Isaura, por exemplo, é instruída na música e daquela pódese dicir que a cantante comeza en mans da nai.

Do mesmo xeito, con só catorce anos, a rapaza está en condicións de atender unha escola de sete nenos no lugar da Forraqueira, pertencente á parroquia de Santa María de Viñoás (Nogueira de Ramuín) e distante vinte e catro quilómetros da casa. Pero só permanece alí un ano, principalmente polo feito de estar afastada da nai. Por esa razón, nalgunha nota biográfica, a cantante aparece como ourensá da Forraqueira.

Pouco despois, dous irmáns collen camiño de Buenos Aires. Ela fará o mesmo cando chegue aos vinte anos. Alí atopa traballo como dependenta de comercio, mentres comeza a cantar en xuntanzas e nas veladas das sociedades galegas. O pianista vasco Juan Gueresta fíxase na súa voz e convídaa a actuar no Centro Asturiano. Dalí pasa ás emisoras de radio e aos teatros, ata ser coñecida como a Raíña dos Alalás, grazas a actuacións como cando fai un dúo con Manolo Núñez no Teatro Avenida de Buenos Aires o ano 1933, que logo é reemitido polas emisoras galegas.

Casa co escritor da Estrada Manuel Daniel Varela Buxán e no ano 1938 canta na súa primeira obra, titulada Se o sei… non volvo á casa, representada no teatro Maravillas. Con ese proxecto nace tamén a Compañía de Teatro Aires da Terra, na que participa Fernando Iglesias Tacholas, e que máis adiante será a Compañía Gallega de Comedias Marujita Villanueva.

Baixo esta nova denominación representa varias obras de Varela Buxán, e no ano 1941 estrea Os vellos non deben de namorarse, de Castelao, coa directa intervención deste na construción das famosas máscaras e a dirección do seu marido.

Maruxa coñece e trata a todos os persoeiros galegos do momento, como o propio escritor de Rianxo, Bóveda, Ramón Villar, Blanco Amor ou Madariaga.

Logo de se divorciar de Varela Buxán, volve a Galicia, onde pasa case dez anos. E tras un novo período na Arxentina, retorna definitivamente a España o ano 1962.

En 1970 grava para Movieplay o disco Enxebre cantora de Galicia e colabora na recollida de fondos para reparar a Casa da Matanza de Padrón e radicar alí o Museo da poetisa. Un ano despois, o presidente do Patronato Rosalía de Castro, Agustín Sixto Seco, proponlle atender esa Casa Museo, onde vive a partir de 1974 ata a súa morte en 1998. A dedicación de Maruxa á figura rosaliana é total, converténdose nunha das máis importantes especialistas da autora.

En 1975, TvE decide adaptar a obra de Rosalía La Hija del Mar para o seu espazo Novela, a cargo do guionista murciano e galego consorte, José Puerta González, premio Ondas 1971. Terá unha banda sonora orixinal do mestre de capela da catedral de Santiago, Nemesio García Carril, e a voz de Maruxa.

Maruxa, García Carril e a propia serie, que incorpora a paisaxe de Muxía, obteñen boas críticas. Quen non puido vela foi Puerta González, pois morre o día anterior ao comezo da rodaxe.

Maruxa recibe a Medalla Castelao da Xunta e o Premio María Casares de teatro a título póstumo. Tanto A Barrela como Padrón teñen unha rúa co seu nome.

Comenta