Fernández del Riego, Galicia como guía

Sendo alumno de Dereito, o de Lourenzá abre o curso universitario de 1933 co ideario da súa vida

NON SERÁ DIFÍCIL demostrar a imposibilidade física de realizar un resumo cabal da obra de Francisco Fernández del Riego (Lourenzá, 1913), pero recoñecelo é un xeito de dicir que é enorme.

O pai de don Paco, Vicente Fernández Díaz _ agrarista e rico comerciante, como di a prensa _, era orixinario da parroquia de Santa María Madalena de Cedofeita, preto de Ribadeo. Sendo moi novo fai a guerra de Cuba como voluntario.

Logo reside na Habana traballando no comercio ata que se monta pola súa conta. Fai cartos e volve a Ribadeo, onde coñece a Amada del Riego Fernández na clínica dun dentista que é amigo común. Casan e marchan a Vilanova de Lourenzá. Alí nace Francisco tal día coma hoxe de hai 108 anos.

Vicente era vicesecretario da Sociedade Agrícola Conde Santo cando cae nunha emboscada a noite do 15 de setembro de 1918 en Pena Corveira. O agresor é o exalcalde de Riotorto, Antonio Bermúdez Leibas, e Vicente recibe varias feridas que poñen en perigo a súa vida. Francisco, un neno de 5 anos, gardará do feito as peores lembranzas.

Despois dos estudos en Lourenzá e Mondoñedo, cursa o bacharelato superior no colexio dos escolapios de Monforte, e cando está en Sexto, asina o que, segundo as nosas contas, é o seu primeiro artigo xornalístico, titulado “El Monasterio de Lorenzana”, aparecido en El Ideal Gallego o 1929, un ano antes de rematar os seus estudos medios.

Comenza Dereito en Madrid e regresa máis adiante a Santiago, onde tamén fará Filosofía. Non é necesario agardar a que as remate para descubrir que aquel rapaz é dunha calidade excepcional. De feito, el, como alumno, e Abelardo Moralejo, como catedrático, abren o curso do ano 1933, cando xa é un destacado militante galeguista e forma parte do comité organizador da homenaxe a Rajoy Lelup, pola redacción do Estatuto.

O rector nese intre é Alejandro Rodríguez Cadarso, e curiosamente será Antonio Rodríguez Cadarso, quen lle faga a primeira entrevista cando 27 anos máis tarde pronuncie outro dos seus grandes discursos, o de aceptación como académico da Galega.

Nese acto de 1933, Fernández del Riego fala no nome da Cámara Federal de la F.U.E. A súa intervención é o ideario exacto que presidirá a súa vida, no só na procura dunha Universidade Galega, senón de levar o galeguismo a todos os eidos da cultura e da sociedade, o que repetirá don Paco en centenares de artigos, entrevistas e intervencións públicas.

Abonda ler as súas verbas ese 2 de outubro para coñecer o seu pensamento político, do que non se afastará o máis mínimo durante os case oitenta anos que lle quedan aínda por vivir.

Boa parte do discurso segue os pasos dados en Cataluña respecto ao bilingüismo e que el vindica para Galicia, así como a autonomía para o nomeamento de catedráticos, a Residencia de Estudantes e as especialidades de Xeografía, Historia, Etnografía, Filoloxía e Literatura galegas.

Logo virá a creación da editorial Galaxia, a institución do Día das Letras Galegas e tantas iniciativas que don Paco finaliza coa doazón a Vigo da biblioteca e a pinacoteca que amoreou xunto a súa dona, Evelina Hervella Nieto.

Salvador Lorenzana, ou Cosme Barreiros, dous dos seus alcumes xornalísticos, ingresa na Academia o ano 1960 e na súa primera intervención solicita a entrada na institución de dous paisanos. Un, que xa debería estar nela, Álvaro Cunqueiro, y outro que non pode tardar, Ánxel Fole.

En Mondoñedo será don Paco quen conteste o discurso de don Álvaro.

Comenta