Jei Noguerol, medio século na música

O cantante de Viveiro prepara a edición dun libro de poesía, Folgos, pensado para este aniversario

ESTE LUNS, DÍA 1 de xuño, José Antonio González Noguerol, máis coñecido como Jei Noguerol (Viveiro, 1950), cumpre 70 anos de vida e 50 de actividade musical.

Cando estuda o bacharelato en Lugo descobre que o seu é a música. Fai o imposible para que os pais lle merquen unha guitarra _ a máis barata do Arco Iris, 800 pesetas _, aprende a tocala e forma o grupo Evasión con tres amigos, Amable Moscoso, To e Piji.

E da evasión ao compromiso con Galicia. Antes de cumprir os vinte, o cantante de Covas marcha a Barcelona, onde fai as filoloxías Hispánica e Galaico-Portuguesa e onde, pouco a pouco comeza a ser considerado unha referencia da Nova Canción, aínda que nas catro provincias acadan máis nome Xerardo Moscoso, Benedicto ou Miro Casabella.

Xavier Costa Clavell axúdao neses primeiros meses en Cataluña e Alonso Montero ábrelle as portas dunha discográfica, Edigsa-Xistral. Logo, rematada a carreira, gaña a praza de profesor numerario no Ensino secundario de Lingua e Literatura castelá.

Xa no 1971 ten o seu primeiro disco, con Denantes dos vinte anos e ¿Queres ser mar do meu río?, ás que seguen Nunha Tarde… Un Pensamento, Compañeiro e Señor ministro, por favor, con arranxos de Josep Maria Bardagí.

Sobre esta última merece que se conte o acontecido en Moaña. O seu alcalde nos anos 90, o socialista Cándido Pena, viña reclamando sen éxito do conselleiro Xosé Cuiña as obras de mellora da estrada xeral que atravesa a vila e O Morrazo, a actual PO-551.

A Pena ocórreselle entón escribir a Jei para pedirlle unha copia da súa canción Señor ministro, por favor, cuxa letra di: “Señor ministro, por favor, amáñeme a carretera / que máis parece un camiño no que non se pode andar sequera”.

Jei, que só tiña un disco, faille unha copia e remítella a Moaña. Pola súa parte, o alcalde Pena envíalla a Cuiña e logo duns días, dan comezo as obras tan solicitadas. Cándido Pena está convencido de que a canción de Noguerol foi decisiva para a toma de decisións. “Foi man de santo”.

O cantante e o alcalde non se coñeceron en persoa ata o ano 2018, cando Jei visita de casualidade o Var con Uve que rexenta Pena na aldea de Abelendo. Estando no Var, a Pena infórmano da presenza nel de Noguerol e ponse a cantar Señor ministro… “Sorprendeuse ata que lle dixen que eu era o alcalde que contactara con el a comezos dos anos 90”.

Pasa o servizo militar e saca o segundo. Logo, no ano 1976 edita un álbum de dez cancións, entre elas, a do Señor ministro… xa moi popular en Galicia.

No 1977 actúa durante dúas semanas na Sala Villarroel de Barcelona e no seguinte sae Cantigas da Fradería. A discográfica Ruada inclúe Cabaleiros no álbum colectivo 7 Anos de Canción Galega (1979) e logo dun parón de cinco anos, no 1984 aparece o terceiro LP, Polo Atlántico Norte, que figura no cromo.

Os títulos Marea baixa de azuis, A miña voz e o LP de 1997, Lúa Nova son as únicas novas na súa discografía ata que, logo de dúas décadas en silencio, o ano 2019 chegan as dúas últimas cancións, Que noite a daquel verán e Port d’en Perris.

Ambas letras pertencen ao libro Folgos cuxa saída estaba prevista para este ano no que cumpre o medio século de actividade musical. As cancións son unha ponte entre Galicia e L’Escala, na Costa Brava catalana, que enmarcan a vida de Jei. Tamén hai referencias para O Valadouro, Suegos e O Folgueiro, outros lugares queridos por el.

Jei merece diversos galardóns, entre eles a mellor letra no Festival da Canción Misioneira de Santiago e un premio do Padroado Rosalía de Castro en 1980.

Comenta