O primeiro Ramón Piñeiro en Armea

O intelectual e político deixa escritas moitas páxinas sobre as súas vivencias infantís

A CAPACIDADE DE evocación de Ramón Piñeiro López (Láncara, 1915), permítenos que sexa el mesmo quen nos achegue á súa nenez, a parte menos tratada nos estudos sobre a súa figura, da que o vindeiro día 31 deste mes se cumprirán os 105 anos do nacemento.

O seu espazo xeográfico é Armea de Abaixo, lugar da parroquia de Santa María de Lama, no concello lancarés.

_ A primeira raiola que alumou a miña memoria quedou fixada na seguinte escena: nun recanto da cocina, miña nai fixo un recinto pechado de forma triangular con dous asentos longos apoiados por un extremo na parede e por outro unidos en ángulo, e dentro dese recinto meteume a min. O que lembro con viveza é o feito de estar dentro do recinto triangular e de percorrer moitas veces o longo dos dous bancos apoiando as mans neles; e teño a lembranza de que ese percorrido, que fixen moitas veces, faríao bastante á présa.

Seus pais son Vicenta López Fernández e Salvador Piñeiro García, que é o que está máis presente nas súas lembranzas.

_ Meu pai, Salvador, cando aínda estaba solteiro, emigrou a Madrid e puxo un comercio de ultramarinos cun amigo, no que vendían xamóns de Sarria e outros produtos de Galicia. O amigo levou con el a unha irmá para que lle axudase e o acompañase na súa estancia madrileña, e aquela rapaza, ao cabo dalgún tempo, acabou casando co socio de seu irmán, é dicir, que sería miña nai.

Armea estaba illada.

_ A nosa casa estaba relativamente illada do lugar, inda que non lonxe, e situada á beira dun camino _ o camiño real _, bastante transitado de xente e facenda. Con todo, para un neno o illamento resultaba maior porque non tiña ocasión de convivir con outros nenos, a non ser os da casa. Eso fai que nos primeiros anos os meus xogos foran solitarios.

E nos xogos agroma unha intensa vida interior.

_ A miña natural timidez, co conseguinte retraemento da xente non familiar, facía que me sentirá cómodo no meu illamento. Pasaba horas xogando eu só, ora facendo casiñas de pedras, ora amasando terra con auga e logo dándolle formas caprichosas. Pero ademais de xogos que realizaba coas mans, en realidade xogaba bastante coa imaxinación. Tiña facilidade, propensión mesmamente, para me ensimesmar e fantasear xogos. Tamén para vivir animadas conversas interiores.

O tren era a comunicación.

_ Unha cousa que asombraba moito a miña mente infantil era a idea do tren. Cando meu pai ía a Lugo, de regreso falaba do tren. Nunha ocasión explicoume que o tren era como un coche grande que corría moito e que corría el de seu, sen ser arrastrado por cabalos. Eu non tiña visto máis vehículos que o carro, movido polas vacas ou polos bois, e o carromato ou carricoche tirado por cabalos, que vía nas festas ou pasar para as feiras. E para viaxar non coñecía máis medios que ir a pé, andando, ou ir a cabalo. No horizonte da miña experiencia, a idea de viaxe viña ser ir ás festas, ir ás feiras, ir á vila, ir aos enterros, ir visitar parentes a outras parroquias. Ir a Lugo era xa unha viaxe distinta, unha viaxe importante, unha viaxe que se facía en tren.

Lugo era o estranxeiro.

_ Moi pouca xente ía a Lugo, inda que había xente que tiña ido a pé _ en realidade son trinta quilómetros de distancia_, e outra que ía a cabalo á feira do San Froilán. Pero era unha viaxe que se facía en tren, e meu pai facíaa algunha vez. Para min a importancia sorprendente desa viaxe estaba mesmamente en que se ía en tren.

Comenta