O microcalígrafo de Lugo

Chamábase como o médico, etnógrafo e poeta Jesús Rodríguez López, pero era funcionario temporal de Obras Públicas de Lugo nos primeiros anos trinta.

Estoutro Jesús tamén escribía, pero a súa afección non era facer novas obras literarias, senón copialas, e con moito mérito.

Si, tamén se poden copiar libros sen caer no plaxio e que che aplaudan por iso.

Como? Pois como facía Jesús, practicando microcaligrafía ou criptografía, unha especialidade da que naqueles anos houbo campionatos mundiais e nacionais.

Posiblemente Jesús non participa, pero os seus logros estaban á vista de todos. Ben entendido, á vista de quen non padecera miopía, porque para ler as 214 palabras do Credo, a Salve, o nome de Lugo, a data e a súa sinatura nunha moeda de dez céntimos, hai que dispor duns ollos en perfectas condicións, como eran os seus.

Tamén foi quen de poñer 175 palabras na franxa engomada dun papel de fumar utilizando un lapis. Nun espazo de dous centímetros por dous e medio copia a poesía Galicia, de Unamuno, e noutro igual, Crepúsculo, de Dicenta.

Un colega chamado Miguel Pérez Arellano, natural de Villaluenga de la Sangre (Toledo), escribe todos os ríos e os afluentes de España nun chícharo.

O mago Juan Elegido Millán, Profesor Max, percorre o mundo e faise con moitas destas miniaturas que hoxe forman parte dun Museo microscópico na praza de Manu Leguineche en Brihuega, Guadalajara.

O Campión do mundo, Juan García Gurtubay, escribe 41.667 palabras nunha tarxeta de 9,5 por 15 cm. En concreto son os capítulos do II ao XVIII do Quijote.

E Jesús resposta:

_Eu teño a Sonata de primavera de Valle-Inclán en dúas follas.

Sendo follas, mellor sería a de outono

Comenta