Prás medras

Pintos (Museo de Pontevedra)

Nos primeros anos do século XX viaxan por Galicia fotógrafos que teñen un local fixo de residencia como Bernardino González; outros que só son ambulantes; como Alcibíades Fernández, ou mesmo algún que está en América e conta con delegados en varios lugares, como Otero.

Hainos tamén con estudio aberto nunha poboación e só se moven na súa área de influencia, como Pintos. A eses estudios chámanlles directamente “fotografías”.

Pintos, por exemplo, ten fotografía e presume na súa publicidade de non contar con “sucursais, comisionistas, viaxantes, nin representantes” e de que a súa exclusiva casa está na rúa Michelena nº 36 desde a súa fundación o ano 1899, fronte á Central de Correos de Pontevedra.

Todo o anterior é para disimular que en realidade non sabemos a que tipo de fotógrafo acode unha veciña da Cañiza co seu fillo, un rapazolo duns dez anos que leva posto un garrotín de sombreiro que lle tapa ata a punta da napia, unha chaqueta que vai máis aló dos xeonllos e uns pantalóns apertados cun cinto ao peito para que non os arrastre no chan cando anda.

O que se di, un conxunto prás medras.

_ Veño co pícaro a que lle faga unha fotografía. A roupa estalle grande dabondo, pero o neno medra e hai que ir sempre por diante.

O fotógrafo asente e amósase disposto a comezar o traballo.

_ Veña, pois nada, imos facelo!

Pero a muller aínda no rematara as indicacións.

_ Agarde un intre, que lle conto. Meu home, que está en Lisboa, mandoume os cartos para vestir ao fillo. Eu quero que el saiba que merquei a roupa e por iso é que lle mando o retrato. De maneira que faga porque a roupa saia ben e se vexa clarisimamente que é nova. A cara do rapaz é o de menos, que o pai ben coñece como é o fillo.

E así foi como o fotógrafo fixo aquel retrato dunha pucha, unha chaqueta e uns pantalóns.

Comenta