Matadoiro e cemiterio

O cese de Junquera

Aló pola metade dos anos vinte os industriais de Cangas, en especial gandeiros e carniceiros, reclaman a construción dun matadoiro.

Con ese obxectivo, unha comisión deles solicita e obtén unha entrevista co gobernador civil de Pontevedra, que nese tempo era pouco civil, pois ocupa o posto o coronel Manuel Junquera Guerra.

Os comisionados expoñen as súas razóns, pero un deles agarda ata o final co argumento definitivo. Cando pensa que é chegado o momento, di:

_ Señor gobernador, hoxe hai moitos carniceiros que crucifican ao aire libre.

Naturalmente, ese espectáculo non se pode consentir, nin sequera en Semana Santa.

Ao gobernador, que era de carácter rexo como bo militar, pero menos do que se lle supón, achégase outro día un industrial de Vigo choromicando para que lle levante unha multa imposta días atrás por ter aberto o seu local fóra do horario permitido.

Junquera non está polo labor. A multa ten todas as da lei e debe pagala.

Entón o vigués bota man da estratexia sentimental e solicita o indulto da multa “polos seus defuntos”. É dicir, polos defuntos do gobernador.

Junquera, ben porque resulta conmovido pola alusión aos seus familiares falecidos, ben porque ve o xeito de rematar aquela leria, ofrécelle pagar a medias a sanción. O tipo acepta encantado e o coronel tira do peto as moedas correspondentes a ese 50 por cento.

Ao cabo de poucos días, o gobernador comeza a recibir unha peregrinación de veciños de Pontevedra, multados por diferentes cuestións, que solicitan a rebaixa dun cincuenta por cento, “polos defuntos do gobernador”.

Logo de tres ou catro entrevistas nese plan, Junquera di ben alto ao quinto peticionario, para que o saiban todos:

_ Está pechado o cemiterio!

Comenta