Besteiro, Cibeles e a vaca

León, de Otero Besteiro, pero non de mármore como os da Cibeles, senón de bronce

Durante tres décadas Otero Besteiro traballa en dous estudios. Un está na Ribera de Curtidores madrileña, e o outro en La Casa del Cura, unha finca propiedade da súa muller, Maruja González de Buitrago, que era natural de Sotillo de las Palomas.

O curioso é que a finca de Maruja atópase no concello toledano de Montesclaros, de onde sae o mármore co que se esculpe a fonte da Cibeles e que Otero utiliza para as súas obras de gran tamaño.

En Montesclaros reside na compaña de oito pavos reais e unhas pombas negras que merca na Feira Internacional do Campo.

Alí nace a súa vaca, que nun primeiro momento é a Vaca da Paz, no sentido mitolóxico dos saxóns, é dicir, unha vaca máis pachorra que turrona.

Pero algo pasa no período de xestación e o animal transfórmase na Vaca Tumbada, sen referencias altisonantes e máis apegada á terra.

Otero, Ote para os amigos, utiliza unha vaca viva de modelo e ten que agardar a que se deite para traballar. Di que é un animal moi intelixente, pero sen paciencia para facer o posado, de xeito que unha vez se revolve contra o escultor e outra lle tira o caldeiro coa pintura dun couce.

Ao final, a vaca pesa tres toneladas. Hai que levala a Madrid e sóbena a un carro, pero nada máis poñela enriba, machúcao e queda desfeito en garabullos. Nada de carros, o que se precisa é un Pegaso, e entón si, pode viaxar á capital.

A vaca repousa no xardín de entrada do Museo de Arte Contemporáneo, onde a ven os Müller, unha parella de suizos interesados en mercala.

Os Müller fan por levala ao seu chalé helvético, pero causas de forza maior _ as tres toneladas, imaxinamos _, fan que sexa imposible, e ao final queda no chalé dos Dominguín.

_Foi unha mágoa, porque sería a primeira vaca galega exportada a Suiza.

Comenta