Franco e Ruedo Ibérico

Teresa Roca López, viuva de Fernando Arenas, diante dun retrato do libreiro

Cando remata a década dos 60, tres homes preséntanse un venres na Librería Arenas, aberta no Cantón Grande da Coruña.

Son o inspector de Policía Francisco Paradela Castro e dous axentes. Preguntan polo propietario, Fernando Arenas Quintela e cando o teñen de diante, fálanlle.

_ Sabemos que vostede vende libros non autorizados ou expresamente prohibidos de Losada, Ruedo Ibérico e por aí. Requíselle a lista destes clientes.

Arenas pide tempo ata o luns para buscar os datos. Ese día volve o comisario cos axentes á librería. Agora é Arenas quen fala primeiro.

_ De verdade quere saber quen é o comprador máis importante deses exemplares?

_ Por suposto.

O libreiro faille entrega do cartafol onde recolle todos os papeis solicitados e Paradela le a primeira das súas follas. É un albarán no que figura o xeneral de brigada Vicente Fernández Bascarán, xefe da Casa Civil da súa Excelencia o Xefe do Estado, que merca El Opus Dei en España, de Daniel Artigues, e Los militares y la política en la España contemporánea, de Stanley G. Payne, de Ruedo Ibérico.

Paradela pecha o cartafol, devólvello a Arenas, saúdao militarmente e lisca.

_Boas tardes.

En efecto, quen merca eses libros durante a súa estancia en Meirás é Franco. Manuel Arenas, fillo do libreiro, lembra ver algún Ruedo Ibérico na biblioteca do pazo cando vai de visita. Franco non deixa débedas na librería.

No anos 1992, morto xa o pai, Manuel coñece ao expolicía Francisco Paradela, que agora é autor de El Talmud: código sagrado y secreto, e Cuestiones judiomasónicas. Paradela confésalle que daquela non di nin palabra para que os dous axentes non saiban nada.

O outro libreiro tradicional da Coruña, Enrique Molist, ten que pechar logo dalgunha inspección.

Comenta