Traduttore, traditore

O mapa de Fontán, fachenda de Galicia

Un dos primeiros galegos en protestar pola tradución dos topónimos galegos ao castelán foi un parente do cartógrafo Domingo Fontán, autor do mellor mapa español do século XIX, o de Galicia.

O home protesta, non tanto contra a castelanización dos topónimos, como contra a que está mal feita. A súa foi unha teima soada contra a aparición de Carballino en dito mapa, pois segundo o seu correcto razoamento, nin era castelán, nin era galego.

De manter o galego, sería O Carballiño, e de traducilo, El Roblecito. Dese xeito, o home porfía teimudamente por incorporarlle unha vírgula no mapa a Carballino.

Como dixo o meu querido amigo Julio Dorado mentres ollabamos diante de nós a inmensidade do Cañón do Colorado, Cañón sen vírgulas é regra de Pachelbel, e coño sen vírgulas, é xeometría.

O parente de Fontán morre sen conseguilo e pasan moitos anos sendo Carballino.

Moitos veciños de San Ciprián, en Cervo, todos eles galego-falantes, non aturan a tradución do seu porto como San Cibrao. Pero iso é outro caso no que non cometen unha atrocidade lingüística, senón unha desobediencia civil.

Quen a comete é aquela señora que dicía vivir en Gesteira, porque Xesteira lle parecía enxebre dabondo. Por iso un amigo ilustrado coméntalle: “Querida Luisa, se vostede non quere vivir na Xesteira e prefire traducilo ao castelán, terá que vivir no Retamar”.

Pero como sempre ocorre, na casa do ferreiro, coitelo de pau, porque nada neste senso poderá superar aquela intervención do conselleiro de Cultura Roberto Varela en FITUR do 2010, cando le aos xornalistas un texto pasado por un corrector automático, e no canto de dicir Sobrado dos Monxes, dixo:

_ Desván de los Monjes.

Mellórao!

Comenta