Jorge Quiroga, o sobriño

O monumento, o día da inauguración

A condesa de Pardo Bazán dorme na Coruña o 14 de outubro de 1916 porque ao día seguinte está prevista a inauguración do monumento dedicado a ela nos xardíns de Méndez Núñez, e no que Lugo ten moito que ver.

Hai que imaxinar que a noite aínda non vén fría e que un grupo de amigos remata de cear nalgunha casa de tres garfos, porque dona Emilia non pasa por menos, inaugúrenlle unha estatua ou non.

Entre os amigos, amais da condesa, van os fillos, Jaime e Carmen _ que serán protagonistas do acto de mañá _, o sobriño Jorge Quiroga García, que permanece solteiro ata que no 1918 case con Amparo Quiroga Navia-Osorio, e o médico, escritor e xornalista Ramón Fernández Mato, que se ten como natural de Boiro, de Vigo, de Monforte ou do Valadouro segundo sexa a ocasión e o lugar.

Logo da peperetada e do seu correspondente regadío de viño, pasean polos cantóns sen ganas de coller o leito. Camiñan ata o monumento, que xa está cuberto coas bandeiras e cos escudos.

Jorge Quiroga, o máis falangueiro, propón facer unha pantomima do que vai suceder dentro dunhas horas. Ramón Fernández Mato, experimentado en oratoria, engola a voz e pronuncia unha peza chea de comicidade, que dona Emilia rí sen parar.

Cando remata, é o propio Jorge Quiroga quen dá un paso adiante e comeza outro discurso alusivo, tan ocorrente como o anterior.

Daquela chega unha parella da policía que vixía todo o que está disposto para o acto da inauguración.

_ Quen é vostede? _ preguntan a Mato.

_ Eu, un xornalista de Vigo.

_ E vostede? _ dirixíndose a Quiroga.

_Eu, o sobriño da estatua.

O chiste non lles libra de pasar pola comisaría, e contan que dona Emilia comenta polo baixo: “A este paso na Coruña van acabar por poñerme en solfa.”

Un comentario a “Jorge Quiroga, o sobriño”

  1. Manuel Rodilla del Barrio

    Curiosa,la intervención de Jorge Quiroga
    Nunca me la comentaron,ni su hija ni sus nietos.Buenos amigos todos ellos.

Comenta