O yo-yovirus de 1932

Aquel ano o yo-yo arrasou ata nas praias

En 1932 toda España acaba chamándolle yo-yo á gripe. Din que foi en Cádiz onde nace a ocorrencia; se cadra nos carnavais.

Se alguén pregunta: “Quen colleu este ano a gripe?” A resposta será: “Eu, eu, eu…” Ou sexa, “yo-yo-yo…”

Tamén lle chaman “a socialista”, por aquilo da igualdade, o dengue, o trancazo, “iso que anda”, “o soldado de Nápoles”, a Cirila, a canastera, o aupa, a xuricidade, a firpe, e o enchufe. E así, ata o coronavirus.

Tamén ese ano hai eleccións como no presente, aínda que non son autonómicas, senón locais.

Versifica o humorista: “Para sudar en la cama / ante un ataque gripal, / envueltos en un pijama, / contemplad el panorama / de la vida nacional. / Pensad en las elecciones / anunciadas para Abril / y en las muchas emociones / que en diversas poblaciones / sufrirá más de un edil.”

En Lugo, o alcalde Cobreros de la Barrera convoca aos seus concelleiros para unha xuntanza urxente por asuntos de urnas. Victoriano Castro Ves e Manuel Traseira non están. O alcalde manda un emisario para que se presenten de contado no Concello, e nunha das casas, ábrelle a porta a criada.

_ De parte do señor alcalde, que vaia ao concello sen perda de tempo.

_ O señor non pode.

_ E logo?

_ Está na cama co yo-yo.

_ Pero, muller! Como lle vou dicir iso ao alcalde?

“Por nuestra ventana la “gripe” se asoma, y es tan “cariñoso” su “atento” bacilo /

que ni aún en la cama te deja tranquilo…”, cantan as cupletistas. Moitas delas, as que non teñen traballo, fan garda nos teatros, porque cada día caen co yo-yo tres ou catro artistas e o empresario non está disposto a suspender, polo que as contratan ata que mellora a titular.

E cun pouco de sorte, o yo-yo dura dúas semanas que ela cobra tan ricamente.

Un comentario a “O yo-yovirus de 1932”

  1. Salmerón & cía.

    Victorino, Victorino Castro Ves desde la pila bautismal. De casta republicana y que ni siquiera de niño estudió religión en el Instituto (quisiera saber cómo lo logró). No en vano, hijo de Victorino Castro Viñas o Laviña.
    Negro futuro le esperaba.

Comenta