Partes do corpo
Placa da súa consulta recuperada por Vivín
A xente pregunta: “Que tal foi a romaría de Santa Cristina?” E a resposta pode ser: “Moi boa. Houbo paus no principio, na metade e no final”.
O pau é a medida para coñecer a calidade dunha festa, como foi aquela do ano 1931 entre Soñar e Soñariño, a cinco quilómetros de Lugo, cando se arma un tumulto de proporcións filisteas.
Un dos agresores leva como avogado a Antonio de Cora, quen chegado o día da vista na Audiencia, pregunta ao agredido:
_ A ferida recibiuna no mesmo tumulto?
E o aludido resposta:
_ Non, señor; non foi precisamente no tumulto, senón un pouquiño máis arriba.
0
O ano 1919 chega a Ribadeo o dentista andaluz Rafael Fernández Cardoso, que será alcalde republicano na década seguinte.
Rafael Fernández será un ribadense máis e mesmo pedirá unha presada de terra de Ribadeo para a súa tumba en Bos Aires, pero daquela, en 1919, descoñece absolutamente todo sobre a cidade e sobre Galicia enteira.
Non viaxa de bo humor porque leva varios días cunha molestia no ollo dereito que non lle dá acougo.
Na etapa anterior a Ribadeo descansa unhas horas na fonda de doña Cándida de Mondoñedo, que tan boa sona ten dentro e fóra de Lugo.
Unha sorrinte rapaza aténdeo no comedor e sírvelle de primeiro un caldo galego deses que resucitan un morto.
_ No me agrada, tráigame otra cosa _ di á muller.
_ E lojo? _ pregúntalle ela.
O odontólogo míraa moi serio sen dicir palabra e a moza marcha.
Vén máis tarde cun cocido completiño, fumeante, que dá gloria velo, pero do que don Rafael tampoco quere saber nada.
Aquilo era moito para a rapaza.
_ E lojo?
E o home salta:
_ ¡Deje usted tranquilo el ojo, que bien fastidiado lo tengo!