Tres de tren
Risco por Castelao. Case todo gafas
Echegaray é usuario do tren Marín-Pontevedra desde que constrúe a súa casa de Cantodarea onde pasa catro meses do ano, mentres que os oito restantes só pensa en ir.
Facer a viaxe ata a capital por ese medio, ou viceversa, ten algún inconveniente. Unha tarde, a máquina sofre tres avarías e o Premio Nobel decide seguir o camiño a pé. Cando xa está reparado o trenciño e chega á altura do camiñante, o maquinista detén a marcha e convida a Echegaray a que suba, pero este négase:
_ Outro día. Hoxe levo présa.
0
Castelao e Vicente Risco chegan á Coruña pola estación de ferrocarril unha noite na que o ceo bota auga de balde e por baldes.
Buscan un hotel e sen máis requilorios, dispóñense a deitarse ámbos os dous no mesmo cuarto. Tempo despois Castelao vai contar esa experiencia aos amigos e aínda que non temos as palabras exactas que utiliza o de Rianxo, imaxinamos que foron, pouco máis ou menos, estas:
_ Risco desprendeuse do gabán, logo da chaqueta, despois do chaleco e máis adiante, da camisa. A medida que aquel home tiña menos roupa enriba, adelgazaba a unha velocidade vertixinosa. Por un intre sentín medo a que desaparecese detrás da camiseta. Por iso achegueime para mirar mellor, e non. Comprobei que ao fin, cando xa non lle quedaba roupa por sacar, aínda había algo de Risco alí, as gafas!
0
Aos seus 93 anos de vida, cando o mundo anda polo 1966, Serafín Lorenzo Araujo é un dos patriarcas do Porriño.
Unha das moitas novidades das que don Serafín é testemuña nese século de vida, foi a chegada do ferrocarril. O que máis lembra deses días o home é a estrañeza da xente cando ve a máquina:
_ E onde leva as pernas? _ preguntan.