Dúas visitas pastorais

Cregos a cabalo

A visita pastoral ás parroquias do río Sor, a algunha de Viveiro, Ourol, O Valadouro ou Muras, entre outras, había que facela a lombos dunha besta e aínda que a escollida para o señor bispo de Mondoñedo, Benxamín de Arriba y Castro, era mansa e respectuosa coas roupas talares,

houbo unha circunstancia imprevista.

Cando a comitiva chega a unha desas parroquias montañesas que tan ben cantou Noriega, o crego titular da mesma ordena que voen as campás, que os tres músicos toquen o bombardino e que os nenos corran e berren ao seu antollo, como demostración sonora da ledicia comunitaria.

Como todo foi por xunto, a egua que leva a don Benxamín por unha congostra asústase e ponse de mans. O bispo semella nese intre que é o cabalista Ángel Peralta, moi afamado daquela.

De súpeto, no lugar de manter a posición, Arriba déixase caer abaixo, aproveitando a propia verticalidade da cabalería, e queda de pé, auxiliado xa polos seus acompañantes.

O crego da anterior parroquia é o primeiro en preguntarlle como está e Arriba di que perfectamente.

_ Menos mal! Eu xa vía a diócese vacante!

0

Outra visita pastoral a parroquia coruñesa de Palmeira ten como protagonista ao arcebispo de Santiago e claro, a ocasión é moi especial.

O párroco dispón un operativo consistente nun vixía encargado de avisar ao sancristán desde un punto afastado da igrexa a chegada da comitiva, de tal xeito que cando o home indicase, os músicos comezarían a tocar.

O vixía ve achegarse ao lonxe uns homes a cabalo e ordena:

_ Toca!

Pero cando xa os ten diante, comproba que non é o arcebispo e corrixe a orde ao sancristán:

_ Destoca, que non é!

Din que os de Palmeira foron coñecidos como os destocas.

Comenta