Presidente de todos nós

Alejandro Finisterre

Alejandro Finisterre _ Campos Ramírez _, enche el só varios volumes de historias fóra do común, e non é un xeito de falar, senón unha descrición.

A invención do futbolín, do pasa-follas de partituras, ou do xogo Hundir la Flota; a súa condición de apoderado e editor de León Felipe, a denuncia de seu pai por roubo, a amizade co Che, o episodio de suposto terrorismo aéreo, os anos como bailarín de Celia Gámez, son chanzos da súa vida máis ou menos coñecidos, pero hai outros que non o son tanto.

Por exemplo, Alejandro Finisterre foi o primeiro, e posiblemente o único español, detido por inxurias ao xefe do Estado, Francisco Franco, cando xa non o era, porque estaba morto.

No mes de maio de 1975 o TOP, Tribunal de Orden Público, declara ao galego en rebeldía, acusado de inxurias contidas na antoloxía do poeta León Felipe que el edita. Nesa condición pasa todo o ano 1975, e cando é detido o 18 de decembro nun hotel de Ourense, Franco xa levaba morto 28 días.

Máis descoñecida aínda é a súa elección como presidente do Estado Mundial, un suceso que merece certa explicación.

O aviador americano Garry Davis, dá a coñecer o 25 de abril de 1948 a súa campaña para lograr que a Terra sexa un único territorio. Faino en París, cando a ONU celebra unha xuntanza nos xardíns do Trocadero.

Garry rompe o seu pasaporte norteamericano e proclámase cidadán do Mundo. Sartre e Camus aplauden o xesto e millóns de persoas de todos os países queren seguir o seu exemplo. Durante un tempo, Garry é tan coñecido como Disney.

Conta Borobó que nunha desas noites de euforia, artistas e intelectuais elixen en París quen debería ser presidente do Estado Mundial, e como Garry é remiso aos cargos, sae con máis votos Alejandro Finisterre.

Comenta