O mal gusto non ten remedio

Don Eugenio quería algo así

Montero Ríos dá unha festa en Lourizán e polo que se intúe, quere que sexa de moito perendengue, pois ordena ao seu secretario que escriba unha carta ao marqués de Vega de Armijo, amigo e residente en Soutomaior, solicitándolle a tal fin unha ducia de alabardas, coas que adornar a entrada do pazo.

Ao día seguinte don Eugenio recibe de Soutomaior oito albardas, que Montero Ríos devolve de contado a Vega de Armijo con outra carta dicindo que ben as merecían, “o secretario, por escribir o que non ditei, e eu, por asinar o que non lin”.

E unha nota máis: “O que desexaba eran alabardas, e se é posible, agardo que mas envíe”.

0

Fala Juan María Gallego Tato nos anos sesenta do moito que cambian os tempos, da perda de respecto e de formas sociais obsoletas.

Ilustra a súa columna con dúas anécdotas acontecidas en Lugo no ámbito militar e no eclesiástico.

Di a primeira que un comandante de Inxeñeiros vese na obriga de botarlle unha boa reprimenda a un cabo do seu mesmo corpo por unha falta máis ou menos leve.

Cando remata a admonición, o cabo volve ao grupo de soldados cos que estaba e coméntalles:

_ Xiríngame que entre xefes pasen estas cousas.

A outra sucede no coro da catedral, cando un dos coengos esbirra e o monago que está alí, dílle: “Xesús!”

Para comentarlle logo:

_ Caramba, don Manuel; parece que todos os do Cabido andamos acatarrados!

0

Pregúntanlle a Valle o mesmo que hoxe podería facerse, se o problema de España é de incultura, e don Ramón contesta:

_ Peor. De mal gusto. Un público inculto, pode educarse. Un público que se cre educado e que está viciado e corrompido con comedias estúpidas, non ten remedio.

Comenta