Don Macías, o adiantado

Marcelo Macías García

Mediada a primeira metade do XX, morre en Ourense un xornalista cuxa identidade non consta porque a testemuña pensa que non sae ben parado do conto, opinión que non compartimos.

Logo das exequias, a familia atopa no seu despacho unha morea de papeis, anotacións, artigos, libros sen rematar… que non saben ordenar, ni avaliar, nin gardar.

Conclúen entón que o máis axeitado é pedirlle a un intelectual de prestixio contrastado como é o catedrático e orador sagrado Marcelo Macías, profesor de Otero Pedrayo e autor, entre outros, de El Crismón en las monedas de Constantino el Grande (1913), que faga catálogo de todo cando alí existe.

Macías acepta de mil amores, como bo rato de biblioteca que é, e comeza o seu traballo facendo montóns segundo as características do que vai aparecendo.

Ás poucas horas de penetrar no legado do xornalista, descobre que unha boa parte dos artigos sen rematar que deixa o home son notas necrolóxicas de todos os ourensáns de certo nome, dispostas para publicar no día do seu pasamento, como seguramente xa tiña feito en ocasións precedentes.

Daquela, cando aínda está moi lonxe a chegada de internet, os lectores falan marabillas dos datos e da celeridade con que os xunta o personaxe X cando hai unha morte, e Macías vén de coñecer o seu segredo.

_ Se digo en Ourense os nomes dos veciños que xa ten en liña de saída… máis dun morre de verdade _ ríe Macías cando medita no truco do cronista.

Dese xeito inicia outro montón co epígrafe: “Necroloxías anticipadas” e segue o traballo de selección.

De súpeto, érguese da cadeira, colle o chapeu e sae da casa para non volver xamais,

O catedrático dera coa súa propia nota necrolóxica: “Don Marcelo morre o día… do mes de … de 19…”

Comenta