Pascual, un corvo falangueiro

Pascual na prensa

O caso do corvo Pascual é un dos más fantásticos do xornalismo galego. Seguramente o lector non vai crer todo o que a continuación se conta, pero as nosas probas son fiables xa que veñen refrendadas por un profesional de prestixio, como foi o estremeño Eugenio Pontón Ramos, o meu director en Ferrol Diario e compañeiro da axencia Efe.

As cousas suceden do seguinte xeito: Un domingo pola mañá do ano 1952, Antonio Fontenla, veciño da rúa Monforte de A Coruña, disponse a se deitar despois de rematar a súa quenda de noite.

Antonio e os fillos escoitan entón unha voz quebrada, como de vella, que chama desde dentro da casa: “Olga! Olga!”, o nome dunha das rapazas.

Cando dan coa orixe da voz, comproban que se trata dun corvo femia, aínda novo, que fai por se quedar entre eles e que de seguido lles amosa outras habilidades vocais, como aldraxar a quen lle peta chamándoo “parvo” ou “groseiro”.

Non obstante, o normal é que saúde educadamente cun “ola!” moi familiar. Como o corvo non fai por marchar, quedan con el e póñenlle o nome de Pascual. Máis tarde lembran telo visto en mans duns nenos da rúa Monforte que o maltrataban.

Pascual pasa o día entre galiñas, pombas e un can. Fai excursións arredor, pero sempre volta onda os Fontenla.

O que máis chama a atención dos que o coñecen é que Pascual saiba os nomes de todos os veciños da rúa Monforte e se dirixa a eles coa súa identidade correcta.

Pídelles de comer e se o que lle ofrecen non é do seu agrado, di: “Non me gusta”.

Cando Pontón observa canto fai Pascual, convérteo nun personaxe popular en toda España e moitas persoas achéganse á rúa Monforte coruñesa para se faceren fotos co animal.

Comenta