Os oito debuts de Paco Martín nos seus 80 anos

Como ferido, futbolista, xadrecista, actor, autoestopista, xornalista, novelista e xogador de mus

AÍNDA QUE NON o pareza, este sábado, Paco Martín (Lugo, 1940) cumpre 80 anos, que non son poucos nin moitos, segundo o que cadaquén fixese neles. Como o de Paco é moito, os anos son poucos.

Como agasallo recollimos algúns dos seus debuts en distintas disciplinas. Por exemplo, Paco debuta nas páxinas da prensa cando só ten dez anos. O motivo non é agradable porque vén de ser atendido na Casa de Socorro San José logo de sufrir nun accidente casual unha contusión con probable fractura do cóbado esquerdo.

El Progreso identifícao o 20 de xullo de 1950 como veciño da Carretera da Granxa. Que andarías a facer?

O 22 de setembro de 1957, xa feito un mozo, debuta como xogador de fútbol do club que vén de fundar Dositeo Varela López co nome de Iris de Magoi. O partido inicial, no que Paco non intervén, foi contra o San Lázaro a beneficio do C.D. Lugo. Empataron.

En 1960 rexístranse dous debuts máis. Un deles, como xogador de xadrez en competición oficial, cando gana a Rey Martínez no Carlos Azcárraga. De nada, Paco. E outro, como actor de teatro baixo a dirección de Antonio Cillero.

O 26 de maio dese ano montan “La cuerda”, de Patrick Hamilton e a crítica que asina López Morán en El Progreso non pode ser máis negativa. Comeza polo propio texto, segue pola trama, o decorado, o director e remata cos actores. Ninguén vale un can, segundo o xornalista.

Agás María Teresa de Cabo, os demais _ Pepe Fouce, Rosa María García Alfonso, Santiago Argüeso, Antonio Prado, Gonzalo Sánchez, Paco e José Sixto Rey, o fundador de Tespis _, van quentes para casa.

Tamén di que Paco se dá ao whisky máis da conta. Obrigado polo guión, claro.

O ano 1961, o noso home debuta como autoestopista e percorre 2.652 quilómetros en 14 días, con etapas en Valladolid, Toledo, Cáceres, Jaén, Cádiz e Málaga, onde vivira de neno. Unha anécdota? Fálalle de touros e toureiros a unha muller francesa a cambio de levalo.

Paco foi o primeiro premio Puro Cora no ano 1994, pero tamén quen o recibe máis tarde. Daquela, o fallo e a entrega fanse o mesmo día, o 2 de febreiro. É unha temeridade, porque cada ano son dous premiados, galego e castelán, e ningún dos dous teñen nin idea da decisión do xurado, polo que poden andar nas quimbambas.

El estaba en Lugo, e o outro premiado, Graciano Palomo, en Madrid. Graciano colle un avión pola tarde, pero as condicións do tempo son tan calamitosas que o aparato ten que dar a volta, retrasando o acto de entrega ata ben entrado o día 3.

O seu debut xornalístico é anterior á columna Auga lizgaira pola que será premiado. Ten lugar en 1974 cunha fermosa iniciativa en La Región chamada Axouxere, Semanario do Neno, na compaña de Xan Balboa e de Ulises Sarry, hai pouco falecido.

O 17 de maio de 1975, a piques de morrer o outro Paco, debuta como novelista. Non como escritor, pois xa tiña publicados os contos de Muxicas no espello.

O nacemento acontece baixo o nome de Xan Queizán, que é o seudónimo co que se presenta ao Premio Galaxia de novela, convocado para celebrar o XXV aniversario da súa fundación.

O premio non é para Paco, senón para Carlos Casares. O que pasa é que o xurado recomenda a publicación de No cadeixo, a súa primeira novela, que aparecerá o ano seguinte.

Unha curiosidade desa data. A obra premiada, Xoguetes pra un tempo prohibido, aparece na prensa de Vigo cun erro descomunal, pois a chaman Foguetes, e non Xoguetes. Cousas dos xornais.

O que non atopamos foi a data do seu debut como xogador de mus. Parabéns adiantados.

Comenta