Paco Martín en auto-stop
Paco Martín
O escritor Paco Martín estrea hoxe díxitos e paga a pena celebralo cun episodio da súa vida.
Cando conta 21 anos dálle por cruzar España de arriba abaixo en auto-stop e vai ata Cádiz co dedo polgar ergueito e unha tenda de campaña ao lombo.
En total percorre 2.600 quilómetros en catorce días, que non é pouco, pois daquela facer dedo aínda non está moi ben visto e case todos os que paran son estranxeiros, preferentemente franceses e alemáns.
Os ingleses _ conta Paco á súa volta _, “son remisos ao freo” e os marroquís non paran nin para botar gasolina. Iso si, os máis amables son os españois.
O momento máis complicado é na saída de Ocaña, onde coinciden seis autostopistas facendo por coller coche.
Trae o macuto cheo de lembranzas e seguramente moitas delas están agora espalladas en libros e artigos seus.
Por exemplo, chámalle moito a atención que a xente dos pobos non crea que viaxa nesas condicións só por pracer, sen ir ofrecido a un santo nunha peregrinación, ou cousa semellante.
Outros tómano por estranxeiro, ou por vendedor de olas, e non falta quen lle queira venden unha casa, ante o cal Paco comenta o pouco ollo clínico do tipo.
Se lle preguntan hoxe vai negalo, pero cando Pena Trapero lle fai unha entrevista para El Progreso, di que o que máis lle agradou da experiencia foron as rapazas, ou sexa, os ligues.
De feito fala marabillas dunha muller francesa que non só o leva senón que tamén o convida a cear.
_ En troques tiven que aprenderlle catro cousas. A dicir Olé, a tocar a armónica, a cantar flamenco e unhas leccións básicas de tauromaquia.
Para que logo digan que en Galicia non hai afección ás corridas!