Que imite a Brañas

Brañas, de José María Fenollera (I. Pai Sarmiento)

Hoxe hai 120 anos que morre na rúa santiaguesa de Acibechería 5, Alfredo Brañas. Foi unha gripe neumónica, di a prensa para explicar a morte dun home de 41 anos con sona de grande en toda España e do que se agardaban os mellores froitos en todas as ordes.

O seu último acto público é o discurso pronunciado no Congreso Católico de Burgos o ano anterior, 1899. Logo marcha a Madrid para formar parte dun tribunal de oposicións e xa de volta a Santiago dá mostras da enfermidade que finalmente acabará coa súa vida.

Nos períodos de febre máis alta, Brañas cae en delirios propios da súa condición de gran orador. Fala aos alumnos como se ocupara a súa cátedra, pasa lista, recita poesía ou dita conferencias, todo iso mesturado con frases inintelixibles.

Pouco antes de eses últimos días, fala cun amigo e cóntalle o que lle acontece estando en Madrid como membro do tribunal.

Era o 8 de decembro de 1899 e quere confesarse e comungar antes do comezo das probas. Sabida era polo seu amigo a afervoada relixiosidade de Brañas, razón pola cal foi chamado para participar no Congreso de Burgos.

Camiña cara ao edificio universitario e no seu paso atopa unha igrexa. Entra e axeónllase diante dun confesionario no que hai un crego.

_ Que pecados tes?

Brañas lembra o que considera e logo escoita a penitencia.

_ Hai que manter a fidelidade a Deus, non só observando unha boa conduta, senón tamén procurando facer pública a fe…

Cando máis sumido está no proceso de arrepentimento, o crego engade:

_… un exemplo a imitar é Alfredo Brañas, ese catedrático de Santiago que tanto vén de chamar a atención no Congreso de Burgos…

O de Carballo non lle descobre ao confesor quen é. Seguramente pensa que comete un pecado de soberbia.

Comenta