Novos traballos
Luis Taboada
Na tertulia do escritor vigués Luis Taboada y Coca, autor da Historia cómica de España, acode un home sen oficio nin beneficio, pero con sona de meter no seu peto todo canto é de propiedade allea.
Unha tarde di a Taboada:
_Non sei se saberá que atopei traballo nos talleres do ferrocarril do Norte.
E Taboada replícalle de seguido:
_ Pois debo advertirlle que alí teñen as locomotoras contadas e á saída de talleres rexistran ao persoal.
0
O conto adxudícaselle a un novo republicano de Pontevedra. Novo no mesmo sentido de cando se di “novo rico”.
Este home quere facer carreira política no réxime e observa que todos os xerifaltes da República son laicos e de costumes afastadas da Igrexa, todo o contrario que a súa muller, unha asidua das sancristías.
_ Mira, Tomasa; ti podes seguir facendo a vida que che veña en gana, pero estando eu diante, esquécete dos santos e das novenas. De acordo?
E Tomasa acepta as condicións que lle esixe o seu marido. Todo sexa pola prosperidade familiar.
Un día reciben na súa casa a un matrimonio de xente xa ben posicionada cos que o marido pretende quedar moi ben pois serían decisivos para o seu ascenso.
En determinado momento, a muller da visita esbirra de xeito ben sonoro, e cando Tomasa xa está disposta a lle contestar coa fórmula acostumada de “Xesús!”, lembra as prevencións do seu home, e di:
_ Lerroux!
0
Polos anos cincuenta chegan aos comercios galegos modernísimos panos de cabeza asinados por Christian Dior. Nun escaparate informan do seu prezo: 470 pesetas.
Unha señora entra e pregunta:
_ O prezo que poñen é da ducia ou do cento?