Na Porta do Sol

A tertulia

José Saco Piñeiro foi alférez no última guerra carlista, garda e finalmente policía e comisario. A súa fidelidade á orde establecida estaba demostrada desde que nace no lugar de Buxán, parroquia de San Martiño de Guillar de Outeiro de Rei (Lugo).

Andou polas comisarías de media España, foi inspector en Pontevedra e Ferrol, e finalmente, en 1951, recibe unha homenaxe como decano do Corpo Xeral de Policía cando cumpre os cen anos de vida.

A prensa ocúpase do caso e os xornalistas queren saber detalles da súa existencia. Hai dúas constantes nas respostas: a fidelidade á lei e as dous vasos de viño que toma polo mediodía nas tabernas do seu barrio.

Un dos xornalistas pregúntalle que é o que bota máis en falta e Saco Piñeiro cóntalle que desde a súa xubilación se achegaba á Porta do Sol para poñer o reloxo en hora, de acordo coa que marcase o de Gobernación.

_E desde hai tres meses, miñas fillas prohibíronme ir para que non canse. Non hai dereito!

Fiel ata coa hora de Gobernación!

o0o

A poucos metros dese reloxo _ hoxe Comunidade de Madrid _, atópase a Granja El Henar, onde Valle-Inclán fai tertulia.

Unha tarde, un dos xornalistas que asiste bótalle en cara que veña retrasado, e don Ramón coméntalle con frase campanuda que agardara no portal o paso de alguén con paraugas para que lle “protexese as barbas do orballo”.

O tipo di non saber o significado de orballo, Valle sácao da súa ignorancia e este faise o intelectual:

_Xa, o que en Madrid chamamos calabobos.

E o escritor, rápido como un lóstrego, remata:

En Madrid, sí; pero en Galicia aos bobos exportámolos.

Comenta