Canuto e mais el

CEF na taberna do Galo, onde fala de Canuto

Celso Emilio Ferreiro nace o 6 de xaneiro de 1912. Iso podería darlle certo enchufe cos Reis Magos, alomenos porque os xoguetes pagaban o aniversario do rapaz e ao mesmo tempo, os agasallos desa data.

Un ano Celso Emilio pide aos Reis que lle traian unha bicicleta, pero os pais, Venancio Ferreiro e Obdulia Míguez, deciden substituíla por un burriño, ben sexa por razóns económicas, ou de utilidade, sabendo que o animal podería levalo por camiños que a bicicleta, non.

Celso Emilio lamenta o troco, pero claro, pouco a pouco e durante os cinco anos seguintes, faise inseparable de Canuto, que é o nome que lle pon o pai ao cuadrúpede.

Durante un tempo, sendo xa un escritor de sona, o de Celanova di aos xornalistas que non escribe a historia de Canuto e mais eu, porque Juan Ramón Jiménez xa tiña escrita Platero y yo.

Máis adiante esquece esas prevencións e naturalmente converte o animal en personaxe literario.

Con Canuto entrado en anos, don Venancio decide vendelo a un arrieiro que vai e vén a Celanova cargando millo coas súas monturas.

Nunha destas, a reata do comprador deu en pasar diante da casa do poeta, que aínda era un rapazolo. Canuto viña diante, como capitán da cabalaría, pero cando os seus ollos dan cos de Celso Emilio, o burro chántase na metade da rúa sen dar un paso máis por grande que é a malleira de paus que recibe.

Dadas as circunstancias, houbo que mercalo de novo ao arrieiro, nunha operación na que o home pon o prezo que quixo.

As viaxes que agora fai Celso Emilio teñen o obxectivo de mocear, ou sexa, festas e romarías, polo que Canuto coñece toda canta troula houbo en Celanova e soubo das aventuras galantes do rapaz. Por exemplo, aquela coa Ilduara na que descobre o amor carnal.

Comenta