Socios en asembleas

Asemblea no Círculo

Quen o conta non nomea a sociedade onde sucede, pero sendo unha mágoa pola falta de precisión, tamén é unha vantaxe, pois se pode atribuír a moitas, xa que en todas acontece sempre algo semellante.

Sabemos que os feitos teñen lugar en Pontevedra cando vai mediado un dos primeiros anos corenta. O presidente da asemblea de socios, o señor A. P., defende o plan para arranxar un problema que nese intre afecta á sociedade, e todo indica que vai ser aprobado axiña.

Nestas, outro socio, L.R., pide a palabra e di:

_ Sinto, pero disinto desa opinión. O que cómpre facer é… patatín e patatán.

Un segundo socio, M.X., tamén fai uso da súa quenda para expresar que:

_ Disinto do que dixo o presidente e disinto do socio que disinte del.

Entón o presidente volve a falar para lles anunciar que o problema vai quedar sobre a mesa…

_… debido ao grave ataque de disentería que está a padecer a asemblea.

-0-

Agora pasamos a Lugo uns anos antes. A finais do século XIX, o Círculo das Artes conta cun conserxe que sente a sociedade como algo propio polos moitos anos que leva alí. Chámase Nicolás Lemus Mosquera, que morrerá o 16 de xuño de 1904.

O home pisa tan forte no Salón de Columnas como no Rexio, e fala coa mesma autoridade diante das visitas, como diante do presidente e dos vogais.

Por iso é normal que nas xuntas de socios, Nicolás Lemus, sen deixar o seu cometido de conserxe, tome a palabra e fale de calquera asunto societario.

O curioso é que non aforra críticas contra os directivos, nin contra o que lle pete:

_ Non me gustou que antonte o señor presidente…

O Círculo era seu e había que deixalo.

Comenta