Protocolo celestial

José Millán Astray, pai

Antes de dirixir en A Coruña o semanario poético-humorístico El Domingo, e moito antes de ser pai do fundador da Lexión, José Millán Astray forma parte do grupo de estudantes de Santiago que forman o Batallón de Voluntarios del Silencio, do que se fala en La Casa de la Troya. Iso senón é o seu principal inspirador.

Don José fai sonetos ás violetas polo día e canta aos balcóns das compostelás pola noite. Como o alcalde non sente unha grande estima polos cánticos universitarios, prohíbeos e daquela fundan o Batallón do Silencio; obrigados, claro.

Resulta difícil imaxinar que eses universitarios profesionais das esmorgas, gandainas e rexoubas, asistan polas tardes a unha novena de San Xosé, dirixida polo estraño pai Piedritas na capela da Universidade, pero polo visto, así foi.

O poeta conta entón vinte anos. El e os compañeiros do Batallón ocupan un dos bancos principais cando Piedritas desenvolve un complexo problema de orde protocolaria:

_ Se San Xosé é o pai de Xesús, e Xesús é Deus, San Xosé é o pai de Deus.

Aquilo non presenta dúbida ningunha. O siloxismo de Piedritas conta coa bendición dos teólogos máis ortodoxos da igrexa, pero se cadra non teñen resposta para o que vén a continuación.

_ Sendo así _ prosegue o orador _… onde poñemos a San Xosé? Arriba, embaixo, á dereita, á esquerda?

Sen deixar o seu carácter bizantino, o tema pode suxerir un interesante debate, pero o pai Piedritas ten pouca facilidade de palabra, polo que se encerella coa frase sen saír ben parado do que xa tiña dito:

_… onde o poñemos… onde o poñemos… onde o poñemos.

De súpeto, érguense Millán Astay e os seus amigos, dicíndolle a Piedritas con voz queda, pero que se escoita en todo o templo:

_ Pono aquí, que eu marcho.

Comenta