De Alejandro Santín

Unha das formacións primitivas dos Alesandi, con Alejandro

O lucense Alejandro Santín sabe como prender a atención dos xornalistas coas súas experiencias futbolísticas en clubs como a Gimnástica Lucense, Ferrol, Zaragoza, Osasuna e Avilés.

Por exemplo, cando lle piden lembranzas deses equipos nos que ten xogado, comeza unha anécdota dicindo:

_ Sendo eu porteiro do Ferrol xogamos contra o Deportivo de A Coruña na Copa Galicia e ganamos a goles, pero perdimos aos puntos…

O entrevistador queda fóra de xogo, pois non se explica como pode suceder unha cousa así nun partido, ata que Santín lle ofrece unha explicación cabal e racional do que vén de dicir.

_ Ganamos a goles, porque metimos máis ca eles, pero perdimos a puntos, porque a Pasteiro lle deron sete puntos na cella e a min, cinco na meixela.

O fútbol naqueles anos era un deporte de máis contacto que hoxendía.

-0-

Unha das moitas iniciativas de Alejandro Santín Díaz na súa vida foi a fundación do Alesandi, un club de baloncesto nado no ano 1957, e dos Alesandi, un grupo musical que durante anos pon a música nas festas do Círculo, actúa en TvE e pasea o seu nome noutros moitos escenarios, con ou sen Margarita Rivera Cela, como solista.

Nalgún dos primeiros anos nos que comeza a soar o nome de Alesandi nas páxinas da prensa, moita xente lle pregunta a Alejandro de onde sacara o nome. El explícalles que é o acrónimo do seu nome e dos dous apelidos.

Entón un amigo coméntalle:

_ Pois menos mal que non puxeches os apelidos diante como no listín telefónico, pois daquela o grupo chamaríase Sandía.

Tería sido un conxunto pioneiro, porque anos despois calquera nome serve para bautizalos. Mermelada, Sobredosis de Mistol, Kaka de Luxe… e o que che rondarei, morena.

Comenta