Probando sorte

Glicerio Albarrán Puente

O zamorano Glicerio Albarrán Puente foi director do Instituto Masculino de Lugo, catedrático de Filosofía e de Leis, e presidente de Acción Republicana, o que lle custa oito días de cárcere e ser afastado do ensino por un tempo.

Un día convoca unha proba para aqueles alumnos que teñan ben preparada a asignatura e queiran reducir temario de cara ao exame final.

Don Gliche, que é o seu alcume entre os rapaces, descobre con catro preguntas se o alumno sabe o que di que sabe.

Diante dun dos menos destacados, pregunta:

_ Fáleme de Sócrates.

Nada. O tipo nin abre a boca. Albarrán quere axudalo e pica por outro lado.

_ Quen foi Aristóteles?

O mesmo resultado. Silencio sepulcral e novo intento.

_ Podería dicirme algo de Platón, o mito da caverna, a súa vida… o que sexa.

_ De Platón, non; señor.

_ Pero entón _ razoa o catedrático con moita cachaza _, se non sabe nada destes autores que son os elementais da asignatura, para que se presenta?

_ Home, don Glicerio; fíxeno por se había sorte.

Literalmente, xa que falaban castelán, o alumno dixo “suertecilla”. Non libera materia, por suposto.

-0-

Prudencio Landín dá aulas de Dereito na Escola Normal de Pontevedra. Para comprobar a atención da rapazada, pregunta cousas de cando en vez.

_ Quen é homicida, Ramírez?

_O que mata a un home.

_ E quen é parricida, Martínez?

_ Quen mata a seu pai.

_ Moi ben. Vexamos logo, Fernández, quen é fratricida?

O aludido non resposta tan espelido, pero despois duns segundos de moito pensar, acaba por dicir:

_ Fratricida é… o que mata a un frade!

E podería selo, porque as dúas palabras teñen a mesma orixe etimolóxica.

Comenta