Benedicta, de O Corgo a Málaga, pasando por Cannes

Este sábado entréganse os Goya e ela compite como candidata a mellor actriz revelación por O que arde

PASE O QUE pase este sábado na gala dos Goya de Málaga, Benedicta Sánchez (O Corgo, 1935) xa está na historia do cine español grazas a O que arde, de Oliver Laxe. De feito, a candidatura da película con máis posibilidades de acadar premio é a de Benedicta, aínda que nunca se sabe.

Di a súa biografía oficial que nace en Manán de Abaixo e dalí vén a Lugo da man da súa mestra, Elisa Polanco González, para que dese xeito puidese continuar os seus estudios, porque era boa. Aínda que tiña que termar das vacas.

O pai pasou dous meses no cárcere por antisistema, como di ela. A rapaza lía moito á lus do candil, que diría Fole e aos once coñece o Don Quijote. Gustoulle tanto que cando descobre que é unha historia inventada, colle un enfado monumental. Di que quere escribir como Cervantes porque ela tamén ten un burro, un Rocinante.

Con Elisa Polanco está un ano, ata que no ano 1952 o pai pensa que é mellor que viva nunha pensión. Alí coñece ao home co que vai casar nunha voda temperá aos 17. Conta que foi nunha misa das sete da mañá nun día de Santiago para non pagar outra específica.

_ A igrexa estaba chea de xente e creo que nin se deron conta de que había unha voda. Non foron nin miña nai nin meu irmán e meu pai chegou cando xa saïamos porque veu en bicicleta. Fomos tomar algo a unha confeitería e adeus que che vaia ben.

Logo pasa un cuarto de século en Brasil, vive en Valencia coa filla e de novo volve a O Corgo. Nesas chega Oliver e a vida ofrécelle un conto de fadas con rodaxes, roldas de prensa, muiñeiras diante dos fotógrafos de Cannes, nominacións aos Goya, festas nos xardíns do Retiro, e se cadra, pasado mañá pode recibir o gran premio do cine español para actrices revelación, ela, que pasa dos 84 anos.

A muiñeira de Cannes foi, ata hoxe, o seu meirante éxito mediático. Tiña onde elixir, pero non houbo ningún fotógrafo que deixara de disparar a Benedicta. Ela cóntao así:

_Dixéronme que fora natural. A min as cámaras non me dan medo porque teño a conciencia tranquila e nada que ocultar. Os fotógrafos falaban en inglés e francés e mandábannos para aquí e para acolá. Eu berreilles: “En galego!” Non sei o que pasou, veume á cabeza esa canción de “aquela vella das cacarañadas” e aló foi, bailei.

Antes de Cannes foi o cásting, o nacemento dunha estrela chamada Benedicta. Ela di que foi cousa de súa filla, que lle animou a presentarse en Navia de Suarna cando procuraban actores para O que arde.

_Díxome que buscaban unha muller duns 60 anos e eu pregunteille se toleara porque teño 83. Cando chegamos aló estaba cheo de xente, pero alguén lle debeu dicir ao director que alí había unha vella e mandoume pasar. Puxéronme a cámara e empezaron a interrogarme.

O director, ou sexa, Oliver, debeu pensar que xa tiña a película. É de supoñer que atopar a persoa axeitada para o papel foi unha preocupación de meses e mentres non existise esa muller, a película podería ser dun xeito ou doutro.

Benedicta, que é crente, di que ás veces lle pide a Deus un centímetro, e se non llo dá, enfádase. “Pero de súpeto me dá un metro e mira, unha sorpresa que me levo”. A experiencia foi un agasallo e nada do que debe facer significa un sacrificio para ela. “Sentínme como una nena mimada”.

E iso que non se identifica co seu personaxe, agás cando está coas vacas, cando lle lamben as mans e cando di tacos.

Este sábado a cámara recollerá a súa faciana e as de Pilar Gómez, Carme Arrufat e Ainhoa Santamaría nun combo. Logo…

Un comentario a “Benedicta, de O Corgo a Málaga, pasando por Cannes”

  1. Jose Manuel Romero

    Que buena presentación de quien lo ha ganado con todo merecimiento. Que bonita página!!!

Comenta