En Medicina e Dereito

Fernández Mato, dentro dunha orla de Camilo Díaz Baliño

A Federación Universitaria Escolar, tamén chamada Española, nace para loitar en contra da ditadura de Miguel Primo de Rivera mediados os anos vinte.

Cada facultade universitaria está convocada para elixir aos seus representantes na asemblea fundacional que terá lugar en Madrid.

Logo de moito parolar nese sentido, un alumno da Facultade de Medicina de Santiago propón os nomes dos compañeiros que leven a voz de todos a Madrid.

_ E ninguén o pode facer mellor que Carro e Mato.

Refírese ao prestixioso médico compostelán Santiago Carro y García, prototipo do bo estudante, e ao futuro político e polígrafo de Boiro, Ramón Fernández-Mato, tío de Manuel María, vencellado ao Valadouro por vía marital e dono dunha florida oratoria. Un dúo equilibrado e competente.

A proposta conta co apoio maioritario, pero de súpeto, o argalleiro Ramón Garaboa ergue a man para dicir:

_ Que vaia Carro, aínda se comprende, pero sen Mato; pois con toda seguridade a nosa representación non chega a tempo nun carro-mato.

-0-

Máis da F.U.E. Pasado o tempo, a organización colle forza como para presionar pola galeguización da Universidade de Santiago, aínda que xa se sabe que é un obxectivo pouco menos que imposible.

O catedrático de Dereito Penal, Pedro Isaac Rovira y Carreró, malia ser de Mugardos e levar en Santiago máis de 25 anos na cátedra, di aos seus alumnos que el non fala o galego, aínda que o entende.

No seu descoñecemento inclúe como se di a palabra Suspenso, e polo tanto, como a súa intención é favorecer a galeguización universitaria, cando teña que dar esa cualificación a algún deles, verán que na súa papeleta aparecerá esta frase:

“Estate por aí, que xa te chamarei”.

Comenta