Mulleres na costa

Sir Alexander-Sinclair, por Francis Dodd

Coa república os espectáculos eróticos en locais públicos eran permitidos de acordo co criterio dos poncios respectivos.

No 1935 actúan en Vigo tres bailarinas que saen espidas ao escenario e que desacougan o galiñeiro masculino alí onde van. Nalgún dos seus destinos, se cadra dentro da xurisdicción de Pontevedra, o gobernador civil non ve outra que mandalas prender, e o caso é que logo de metelas no caldeiro, fai pública unha nota en castelán que di:

“O gobernador acorda que as tres fermosas artistas que onte bailaron esporranchas en certo cabaré, queden a súa disposición”.

E claro, houbo xente que o chamou acaparador.

-0-

O seguinte cóntase de varios lugares en momentos diferentes, pero escollemos un deles, porque no fondo, tanto ten.

Para participar nunhas manobras militares, en xaneiro de 1923 chegan a Vilagarcía de Arousa catro acoirazados da frota británica. Son os Barham, Warspite, Resolution e Royal Sovereign, ao mando do vicealmirante Sir Alexander Sinclair, xefe da Atlantic Fleet.

Logo virían máis, todos eles coas súas correspondentes tripulacións. Naturalmente as casas de lenocinio da contorna non dan feito con tanto mariñeiro en terra disposto á conquista, iso si, aínda que fose apoiando económicamente.

En Arousa hai dous prostíbulos, o da Concha e o da Dominga. O conto atribúeselle á primeira, quen á vista de tanto home entrando na súa casa, telegrafa a unha colega coruñesa deste xeito: “Urxe mandes nenas coas tetas grandes. Non importa estado sanitario. Son para ingleses”.

Unha vez rematadas as manobras, a Royal Navy dirixe unha carta chea de protestas contra o Goberno español polo andazo da súa mariñeiría.

Alguén comenta entón que teñen a Armada Inservible en vinganza pola Invencible. Por sorte, os ingleses e Vilargarcía protagonizan outras historias máis positivas.

Comenta