Contos da II República

E por riba, ninguén leva camisa (Xuizo Final, de Miguel Angel)

A primeira Miss Lugo foi do ano 1933, pero dous antes, xa coa república, houbo unha tentativa para participar no certame de Miss Galicia en Madrid, que quedou deserto.

Un dos concelleiros da comisión de festas do San Froilán pensa que elixir unha Miss Lugo é un número atractivo, posto que a cidade aínda non ten Señorita oficial.

Parécelles ben a todos, pero ninguén acepta formar parte do imprescindible xurado. Un dos edís queda calado un intre e logo fala así:

_ Eu non teño inconvinte algún en ser xurado, pero coa condición de que en canto fagamos público o resultado, estea o campo despexado. Nas miñas pernas, confío; pero lerias coas mamás, non!

Entre os autores sospeitosos da frase atopamos a José Cobreros de la Barrera, José Bolaño, Rodríguez Lameiro, Enrique Graña, Ángel Traseira, José Abella Laurel, Carlos Vázquez F. Pimentel e aos irmáns Castro Ves. Por cal apostan?

-0-

Din que Manuel Rodal y Flores foi poeta en Pontevedra, e por máis señas, poeta hampón, que supoñemos título de difícil concreción administrativa, pero sempre emparentada coa triple T; ou sexa, as tascas, os tugurios e os turgueniev.

Aló polos anos da II República, Manuel toma dúas decisións transcendentais na súa vida. A primeira é non mudar de camisa nunca máis, o cal hoxe podería merecer unha consideración ecolóxica, sempre que non estomballe aos colegas co cheirume, pero que daquela foi chamada doutro xeito.

Jacinta, a muller da fonda onde vive, turra por lavarlle a que leva posta e dille:

_ Don Manuel, mude a camisa que xa non hai por onde collela. Ademais, no Xuizo Final todo o mundo terá a camisa limpa agás vostede.

E entón o poeta revela a súa segunda decisión:

_Non o creas, Jacinta. Tomei a determinación de que non vou resucitar.

Comenta