Dous de mortos

De Gaulle diante da tumba de Clemenceau, autor da frase: “Cando un político morre, moitos van ao cemiterio, pero só é para ver se realmente está baixo terra”

Unha familia moi coñecida de Lugo ten algún dos seus parentes da anterior xeración en América, pero hai tempo que non saben deles.

Aló pola metade do século XX, chégalles ao seu enderezo un paquete americano que lles remiten os familiares da outra beira do Atlántico.

Ábreno e ven que se trata dunha especie de fariña nun frasco moi elegante, e pensan de primeiras que sería un novo e nutritivo alimento, unha nova maizena que os seus parentes lles mandan de agasallo.

Na primeira oportunidade utilizan a fariña para fritir a comida do día e as poucas horas reciben unha carta da familia americana, onde máis ou menos, din que van recibir en breve as cinzas do tío Manuel, morto a semana pasada co afervoado desexo de repousar para sempre en Galicia, obxectivo conseguido, dixestión mediante.

-0-

Era o tempo no que xa se comeza a falar en Lugo da necesidade de xubilar o vello cemiterio xeral por falta de espazo, é dicir vinte ou trinta anos antes de que sexa unha realidade o novo de San Froilán.

Aquel día de Todos os Santos, as críticas son máis acedas, pois a xente ve que hai sepulturas “lamentablemente realizadas”, cuxo auténtico significado non poderíamos explicar, pois descoñecemos se estaban mal socavadas, pouco socavadas, ou socavadas en torto.

_ Mentres o Concello non amplie o Campo Santo, vannos ter que soterrar de pé, como a Clemenceau.

A cita erudita tiña a súa xustificación porque nese tempo se utiliza o enterro do político francés George Clemenceau como o paradigma da austeridade máxima, xa que cando en 1929 intúe chegada a súa hora, indícalle ao seu médico que para as súas exequias só quere o imprescindible. E cando o seu colega lle pide que precise o que entende por imprescindible, Clemenceau resume:

_ Eu.

Comenta