Novoneyra e a raíña Isabel no ano 1951

O poeta do Courel participa nunha xira organizada polo SEU co gallo do V centenario do seu nacemento

CANDO O POETA do Courel aparece por vez primeira na prensa é para falar dun recital que vai dar no Centro Galego de Madrid. Estamos en marzo do 1951. O xornalista que recolle o acto é Manuel Fraga de Lis, natural de Cotobade e sen parentesco coñecido co seu homónimo de Vilalba.

O noso home, que entón o chaman Eugenio Novoneyra (Folgoso do Courel, 1930), é definido como un xoven lírico que escribe en castelán e que vai recitar poemas do seu libro inédito, Hambre.

Desde ese agromar madrileño ao Uxío Novoneyra por todos recoñecido hai unha evolución ético-estética que en moitas ocasións, por non dicir en todas, se elimina das biografías do poeta por pensar que non constitúe un dato decoroso na súa vida, pero que no fondo non é máis que outra faciana da censura que tanto se deosta.

Para Uxío Novoneyra, que estuda Filosofía y Letras en Madrid, o ano 1951 está dominado fundamentalmente polo encargo que recibe do falanxista Sindicato Español Universitario, o SEU, para realizar por toda España unha serie de recitais poéticos en conmemoración do V centenario do nacemento de Isabel a Católica.

A andaina de Novoneyra comeza nada menos que o 18 de xullo dese ano en Madrigal de las Altas Torres, onde nace a raíña o 22 de abril de 1451, e debe rematar nese mesmo mes de 1952 en Santa Fe (Granada), coincidindo coa clausura do Ano Isabelino.

A quenda de Lugo nesa xira vai ser o 29 de xullo, pouco despois de comezada. Fálase moito deste home, porque xa houbo xente de sona que destacou a súa valía. Xente como Dionisio Gamallo Fierros, José García Nieto ou César González Ruano.

Non obstante persiste certa desinformación e de feito El Progreso, xa que o recital vén do SEU, chámao nunha primeira ocasión “poeta madrileño”. Pero cando se achega o día do recital _ que ten lugar á unha do mediodía no paraninfo da Deputación Provincial _, xa se sabe que Novoneyra é paisano de Parada do Courel.

O poeta divide o recital en catro partes. Na primeira, dedicada en exclusiva á propia raíña, inclúe unha composición súa que titula Cuando el nacimiento de la Reina Isabel. Os outros poemas son de Ángel Valdés e de García Nieto. Na segunda parte, que chama Poesía Española Clásica, a carón de Lope de Vega, escolle dous poemas de Miguel Hernández, o que non deixa de ser sorprendente.

Logo, unha escolma de poesía mundial, con Rilke, César Vallejo, Tagore e autores chineses. E finalmente, a súa propia poesía. A Galicia, Caurel, oso galaico, A mi padre, A Clara Otero, Yo sé estar hacia ti, y Tu viento. No remate, Salinas, Alberti, Guillén e Lorca.

Dentro da ortodoxia oficial que supón a conmemoración isabelina, non deixa de chamar a atención a presenza dalgún autor non especialmente querido polo réxime, pero así foi.

Unha anécdota máis desta contribución de Novoneyra ao Ano Isabelino foi o xeito de viaxar entre Madrigal, Ávila e Lugo. Uxío burla a vixiancia do revisor do tren e consegue chegar á cidade das murallas como polisón, aforrándose parte do diñeiro presupostado polo SEU para a xira.

No mes de agosto de 1952, queda impresionado pola morte do espeleólogo francés Marcel Loubens na cova de San Martín do Pirineo navarro (Larra), ao baixar pendurado dun cable a primeira vertical da sima, permanecendo alí dous anos o seu cadáver.

Nonoveyra fai un chamamento aos montañeiros galegos para que acodan canda él a ese lugar, onde pensa recitar a Loubens o seu Discurso del desamor. No caixón de Eugenio xa se atopan Uxío e os seus primeiros poemas galegos. Hoxe cumpliría 90 anos.

Comenta