Casares en Lugo

Teatro Principal de Lugo

O domingo 9 de outubro de 1932, Lugo vive unha gran festa política coa celebración da asemblea do Partido Republicano Gallego que reúne na cidade a catrocentos delegados de toda España, a representantes de Galicia, e a milleiros de simpatizantes e curiosos, porque entre os asistentes estará o ministro da Gobernación, o coruñés Santiago Casares Quiroga, que é daquela o máis mediático dos políticos galegos, como se diría hoxe.

Casares é consciente de que a paixón polo partido e por entrar nel pode agochar a cobiza de medrar na vida e non un verdadeiro republicanismo, polo que o vai advertir no seu discurso.

Canda el están Villar Ponte, Pita Romero, Montero Díaz, Avelino López Otero, Picallo e Calviño, entre outros moitos.

A rúa de Emilio Castelar (General Franco / Gran Teatro) e a praza de Santo Domingo están ateigadas, xa dicimos, de republicanos e cobizosos, de admiradores e curiosos, porque hai mitin na praza e asemblea no Teatro Principal (Gran Teatro).

Os gardas de Seguridade reciben a orde de que ninguén sobrepase a liña que eles mesmos marcan coa súa presenza, especialmente en Castelar, que é onde pasará o ministro a pé.

Un dos que máis turran por achegarse o máximo á calzada é unha muller gordecha que pola súa vontade, ou porque premen nela os de atrás, está constantemente na zona prohibida.

Máis dunha vez o garda que lle cae máis cerca faille admonicións coa ollada de que debe manterse na beirarrúa permitida.

Logo de varias indicacións xesticulantes, o policía decídese a utilizar as verbais.

_ Señora! Garde vostede a liña!

Unhas palabras que son aceptadas por ela de moi bo grado:

_ Que máis quixera eu! _ di a muller amosándolle coas mans os quilos sobrantes.

Comenta