Un neno novelista

Unha conferencia de Rafael Alberto Pérez

O pasado mes de decembro morre en Madrid o coruñés Rafael Alberto Pérez González, profesor de Ciencias da Información na Universidade Complutense, autor de referencia sobre estratexias da comunicación e considerado o pai da NTE, nova teoría estratéxica, da que fala en moitas universidades internacionais.

Eses son os datos fundamentais da súa biografía que se publican con máis ou menos extensión nos días posteriores ao seu falecemento, o 4 de decembro de 2019. Pero o home tiña outra biografía que non aparece en ningún xornal.

Rafael Alberto Pérez (A Coruña, 1942), é presentado o ano 1951 pola prensa galego-americana como o novelista más novo do mundo, pois aos seus nove anos xa ten publicada unha obra, “Los piratas del mar Caribe”, e está a piques de rematar a segunda, “El príncipe de la jungla”.

O neno-autor afirma que só leu na súa vida novelas de Emilio Salgari e “algo de El Quijote”, pero advirte que o escritor italiano non lle influíu no estilo, só nos temas. Algo así imaxinamos.

Conta Mundo Gallego, de Bos Aires, que un amigo dos pais ten acceso á novela do rapazolo e vendo a súa extraordinaria calidade, ao cabo duns días aparece na casa familiar con ela publicada para darlle a sorpresa. En fin.

Logo, aínda mozo, Rafael Alberto vai dirixir a súa actividade cara a pintura e a escultura, con premios en varios certames dentro e fóra de Galicia.

Tendo en conta que da novela publicada non hai rastro editorial, nin referencia xornalística agás a citada, e que co paso do tempo este pícaro da precocidade chega a ser un primeiro espada mundial en extratexias da comunicación, a dúbida que esta segunda biografía nos plantexa é pensar se non sería xa unha invención súa o título de “novelista máis novo do mundo” cando só ten eses nove anos recén cumpridos?

Comenta