Os amigos de Landín

Prudencio Landín Tobío

A súa dobre condición de avogado e xornalista fai de Prudencio Landín Tobío unha fonte de historias que teñen a vantaxe de que el mesmo foi o encargado de conservalas.

Unha das más coñecidas, por aparecer en varios medios, refírese a unha cea que Landín, director do Diario de Pontevedra, comparte con Ángel Varela Gómez, director de El Independiente, de Vigo, que non era avogado, senón médico militar.

Os dous falan no Hotel Europa vigués cando Landín bota en falta a carteira e pensa que a perdera na sesión do Cine Pinacho dos Barbagelata, dúas horas antes.

Nestas andan cando un camareiro avisa ao xornalista de que un home pregunta por el. Sae ao vestíbulo e alí atopa a un rapaz ben traxeado que nun primeiro momento non recoñece:

_ Son o home que vostede defendeu o verán pasado polo robo de Guillarei.

_ Si, xa me lembro. Ti dirás.

_ Resulta que hoxe estabamos taballando en Vigo catro compañeiros _ di o carteirista _, e cando chegamos á pousada para repartirnos o botín de cada un, vexo que nunha das carteiras collidas hai varias tarxetas de visita súas e dixen: “Esta hai que devolvela. É do avogado que me librou do cárcere. Entereime por onde andaba e aquí a ten. Pode mirala, que non lle falta nada”.

E nada faltaba.

-0-

Amais de dramaturgo, José de Echegaray foi un gran científico e matemático, o máis importante do século, dixeron del.

Nunha visita a Ourense, onde unha muller chamada Flora fai entón as mellores empanadas de Galicia, é recibido polos concelleiros que atenden todos os desexos do Nobel. Pregúntalles pola fauna de Ourense e fálanlle dela con gran detalle.

Logo interroga:

_ E que me poden dicir da flora?

Un deles, un tanto distraído, salta entón:

_ A Flora? Pois como sempre, don José; facendo empanadas!

Comenta