Xornalismo amarelo

José Folla Yordi

Manecho foi un delincuente que as fixo de todas as cores ata que acabou a súa carreira cun asasinato nos primeiros anos do século XX, polo que merece a pena de morte no xulgado de Santiago.

O caso é que botando contas, as autoridades da cidade descobren que a data que lles sae para apiolar ao Manecho coincide coas festas da Ascensión, tan maiores ou máis que as do Apóstolo.

E todos coinciden tamén en dicir que iso non pode ser, que o Manecho non pode morrer cando todos están de troula, de tal xeito que os do Concello e outros representantes da sociedade compostelá póñense mans á obra para modificar os prazos da xustiza.

Pasan os días e cando xa se botan enriba as festas, dille un ramista a un cego que acostuma a estar nelas:

_ Xa sabes que non matan ao Manecho.

_ Non pode ser! _ protesta o cego _ Teñen que matalo como sexa, ten que morrer aínda que sexan festas.

_ Non sabía eu que lle tiñas tanta xenreira ao Manecho.

_ Non lle teño ningunha, pero se non morre el, morro eu.

_ Non o entendo.

_ Pois é ben doado! Se non o matan, perdo a tirada que fixen coa historia e morte do criminal Manecho, que penso vender a moreas nos días de festa!

-0-

Ten poucas posibilidades de ser verdade esta historia que contan do alcalde coruñés José Folla Yordi, pero aínda así segue a ser unha das estrelas no firmamento das anécdotas galegas.

Din que nunha das visitas de Alfonso XIII á cidade de A Coruña, o ministro de xornada preséntao ao rei coa fórmula acostumada:

_ Aquí o alcalde Folla.

Ao que o monarca contesta, en castelán, claro:

_Eu tamén.

Nos anos en que Folla foi alcalde, Alfonso XIII non pisa A Coruña, pero os que contan o chiste, calan este dato e listo.

Comenta