Un home de Monterroso

É certo que os contos teñen vida propia e que co paso do tempo, cada un dos seus narradores vai engandindo novos contidos, de xeito que acaban sendo distintos á súa orixe.

Este comeza sendo unha pequena colaboración que publica un tal NIPESA na revista humorística Gutiérrez o 1 de marzo de 1930. Nin en Gutiérrez, nin en ningunha cabeceira española atopamos outro artigo así asinado.

O que conta NIPESA é que nunha academia de enxeñeiros, supostamente de Madrid, estuda un alumno chamado José Fernández Cebada. Un dos profesores pasa lista todas as mañás citando a cada un deles polo nome e polo primeiro apelido, cousa que amola ao mencionado, polo que a súa invariable resposta é dicir:

_Servidor… e Cebada.

Logo de varios días, o mestre cánsase da puntualización do rapaz e dílle.

_ Vexo que lle gusta moito o seu apelido.

Ao que Fernández Cebada replica de contado:

_ Máis lle gusta a vostede, que o come todos os días.

Ben. Ata aí o chiste na súa estrutura inicial. Pero pasan os anos e a historia vai collendo novos elementos que non existían no número de Gutiérrez de 1930.

Por exemplo, a academia onde ten lugar xa non é tal, senón a Escola de Enxeñeiros de Camiños de Madrid; Fernández Cebada xa ten patria, pois é nado en Monterroso (Lugo), e tampocou é un máis da clase, senón que chega a ser director dese mesmo centro.

Outras modificacións que sofre o conto andando o tempo son que o profesor nomea a todos os presentes polos dous apelidos, agás a José, e que os seus compañeiros pertencen a familias de moita sona, como os Espinosa de los Monteros, Ximénez de Sandoval e outras de campaíñas.

Existiu algunha vez José Fernández Cebada? Se cadra en Monterroso saben algo do conto.

Comenta