Retratos sen parecido

Eugenio Montero Ríos

Silvestre Almeida aprende fotografía con seu pai na rúa santiaguesa dos Bautizados, entre o Toural e a Alameda. No 1936 consegue fuxir de Barcelona, nos cincuenta publica un plano-guía de Santiago e nos setenta é o decano dos fotógrafos composteláns.

Alá pola metade de todo iso, entra no seu estudo unha muller de pano e mandil cunha rapaza que non metía medo porque aínda era de día.

A muller, que coñece á familia de Almeida, faille o encargo;

_ Veño a que lle faga un retrato á picara, e por favor, sáquea con canta guapura poida, aínda que non se lle semelle moito, porque é para un irmán que ten en América e quero a vexa ben lucida.

Almeida fai todo o posible naqueles anos sen Photoshop e a verdade é que lle queda unha instantánea moi fermosa. O seu único defecto é que alí non estaba o modelo, senón outra muller.

Como Silvestre tiña relación coa encargante soubo que o irmán da rapaza ensinoulle a foto a un amigo, aló onde estaba, e o tipo préndese dela coma un toliño, establece relacións epistolares e formaliza un matrimonio por poderes.

Despois diso contaba o fotógrafo:

_ Imaxine os pecados que bota o home en contra miña cando coñece o percal!

-0-

En febreiro de 1888, a Gaceta de Galicia publica un dos seus números extraordinarios co retrato de Montero Ríos e coincide que nese día o cuco de Lourizán está en Santiago.

O político asiste á misa na capela das Ánimas, e cando sae, abórdao un raparigo, vendedor de xornais.

_ Ei, señor. Mérqueme o retrato de Montero Ríos.

O deputado, facéndolle un chiste ao pensar que fora recoñecido, contesta:

_Non, non o merco, que é moi feo.

Daquela o neno dá a volta e replica:

_ Máis feo é vostede!

Comenta