Santos de cabaré

Carolina Otero, a Bella Otero, quixo que súa nai, Carmen Otero Iglesias, alias A Piñeira porque vendía piñas aos veciños, fose canda ela a París, ben de visita, ben por unha tempada, ben para sempre.

Na viaxe de Valga á capital francesa, acompañouna un irmán de Adelaida Diéguez, de Padrón, a quen coñecía de cando ía cos seus negocios á vila.

Aquilo non tiña ningunha posibilidade de cadrar e Carmen, a quen todos consideraban unha pobre das portas, bota de menos a súa casa de Valga desde o primeiro día de estancia en París.

Froito daquela viaxe foi o traslado a Galicia do fondo de armario que Carolina tiña amoreado e sen uso, como esas roupas que agora animan a vender por Wallapop.

Os traxes de festa ou de cabaré que a muller entrega á nai non entran nun baúl, pero unha vez en Galicia pásalles o mesmo que a Carmen en París, non encaixan.

Algún se vendeu, algún serve de agasallo a familias coñecidas… e outros pasan como esmola a poder de varias igrexas de Santiago para vestir santos.

Quen investigará cales imaxes sacras compostelás levan aínda hoxe os traxes da Bella Otero?

-0-

Entre os arxentinos, a cuncha ten un significado que non é nin praia, nin tapa dos bivalvos. Por iso cando actúa alí o coro ourensán De Ruada, o seu director, Daniel González, avisa aos seus artistas de non dicir “coger, nin guapa, nin churro, nin concha”.

Antes da función, unha das coristas pregunta a outra onde está un tal Cascarilla, que era o apuntador, e esta infórmao que:

_ Xa se meteu na concha.

A compañeira corríxea con moito agarimo:

_ Muller, aquí non se fala así! Aquí cómpre dicir: “Xa se meteu na Concepción”.

O conto aplícase tamén a outros protagonistas, pero vai ti a saber.

Comenta