O mociño Manuel María e os seus primeiros libros

O poeta de Outeiro de Rei faría hoxe noventa anos e a súa obra, setenta

HOXE FARÍA O Manuel (Outeiro de Rei, 1929) noventa anos, xusto cando a súa obra cumpre setenta. O seu debut, agás versos soltos publicados en El Progreso y La Noche, foi cun libro en castelán _ máis ben un caderno _, do que se fala pouco por razóns idiomáticas e porque non é precisamente unha marabilla, pois hai que ter en conta que Manuel María ten entre 17 e 18 anos cando o escribe.

Chamouno “Marinero en la noche”, que é un título emparentado co do seu primeiro libro en galego, “Muiñeiro de brétemas”, aínda que un e outro non teñan nada que ver.

O primeiro en falar da obra de Manuel María, a.e.o.c., é JOTAGE, ou sexa Juan María Gallego Tato, que no 3 de xuño de 1949 recolle en El Progreso o nacemento de “Marinero en la noche” e fala da influenza de Alberti e de Lorca, aínda que o máis determinante no novo poeta é a paisaxe que viña de ollar co seu tío Xosé en Cespón (Boiro) durante a estancia estival á beira do mar.

Poucos máis falaron do libro ata Vidal Villaverde ou por aí. Polo que respecta á obra en galego, o primeiro comentarista con todo o merecemento é Francisco Fernández del Riego, Salvador Lorenzana, que vai seguir a obra de Manuel dende esa pegada inicial. Xusto é dicir que o poeta é o primeiro en falar na prensa galega do seu libro “Cos ollos do noso esprito”, publicado por Alborada en Bos Aires (1949).

E de quen máis fala na prensa Manuel María? Pois de Carballo Calero, que vén de publicar canda el na colección Benito Soto, de Pontevedra, de Álvaro Paradela, de quen se confesa lector diario, e de Luz Pozo, a través de Antonio Cillero.

Na pescuda por localizar a primeira entrevista xornalística con Manuel María aparece unha que asina Antonio Domínguez de Olano en La Noche o 3 de febreiro de 1951, cando o entrevistado ten vinte e un anos, e o entrevistador, a incrible idade de 13.

Os dous mozos chairegos, pois iso son neses intres, falan do pasado, do presente e do futuro. Manuel afirma que escribe poesía desde os doce anos, primeiro en castelán e logo, en galego, e recoñece que o mellor da súa obra ata ese día é “Morrendo a cada intre”, unha autobiografía íntima.

Cando Olano lle pide que se defina, Manuel contesta que, como poeta, o que lle agradaría é ser un burgués, o cal non é incompatible coa Arte. Seguramente a máis dun vai alporizar esa resposta.

Á hora de salientar tres poetas galegos do momento, cita a Luis Pimentel, a Carballo Calero e a Cuña Novás.

Olano, o neno Olano remata a súa peza xornalística _ se cadra unha das súas primeiras entrevistas, porque outra non queda _, volvendo ao rego:

“En un café de líneas modernas, en donde tiene su tertulia, le dejamos. Ésta es la ratificación de lo que él había afirmado de sí mismo al definirse: Le gustaría ser un poeta burgués. Y ya ha conseguido serlo de café”.

Supoñemos que moito non lle gustou a entrevista ao Manuel.

Do poeta dise moitas veces que a xente repite os seus versos crendo que son cantigas populares, e non obra dun autor recente e coetáneo. É certo. Manuel María foi un cantor de todo o que lle rodeaba. Se alguén mira a Galicia e pensa en dez cousas das que ve, quedará abraiado ao comprobar que o chairego ten un poema escrito para cada unha delas; ou de nove, para non arriscar dabondo.

Por iso din tamén que non foi un poeta culto, ou que foi máis popular que culto. Son xeitos de falar, porque poucos autores houbo tan apegados ao home, e se iso non é cultura…

Comenta