Benxamín Casal, intelectual para todo

Mañá cúmprese o sexto cabodano da súa morte

MAÑÁ HAI SEIS anos da morte de Benxamín Casal Vila (Lugo, 1935), un home querido por todos, no só nas relacións persoais, senón tamén para ocupar postos de responsabilidade en institucións públicas e privadas, como se demostra cunha rápida ollada ao seu currículo.

No eido profesional como enxeñeiro agrónomo, profesor nas escolas de Peritos e Agrónomos, director provincial do Ministerio de Agricultura e xerente territorial do Catastro.

No político, conselleiro de Enerxía, Industria e Comercio e deputado do Parlamento na primeira lexislatura autonómica, como independente galeguista dentro das listas do PsdeGPSOE.

No social, como presidente do Círculo das Artes (1979/1988).

No económico, como conselleiro de Caixa Galicia.

No cultural, como presidente da editorial Galaxia e Grial, así como nas fundacións Otero Pedrayo, Isla Couto e Penzol; director da Gran Enciclopedia Galega Silverio Cañada, editada polo grupo El Progreso, presidente do Cine Clube Valle Inclán e ducias de proxectos que quixeron contar coa súa importante colaboración, así como outras iniciativas persoais que deixarían curto este espazo.

Con todo e iso, Benxamín tiña outros plans para a súa vida, como nos confesou poucos meses antes de morrer:

“Eu era un dos habituais que escoitaba a Banda. Meu pai era moi afeccionado e levábame a escoitar a Banda de Música todos os domingos. Despois oía moita música na radio. A clásica era moi difícil de escoitar. Cando chego a Madrid fun un asiduo dos concertos do Monumental, coa Orquestra Nacional. Comecei a escoitar cousas que nunca escoitara, por exemplo as sinfonías de Beethoven. Eu estaba principiando os estudos de enxeñeiro e na cabeza voábame a idea de ser director de orquestra”.

En realidade, Benxamín Casal, como outros da súa xeneración, son personaxes multidisciplinares, tan capaces de ocupar un posto técnico, como de presidir unha editorial ou dirixir unha orquestra, porque reciben unha educación que será envexa das anteriores e das seguintes, en mans dun feixe de profesores dos que deixan pegada.

Benxamín falounos tamén deses anos:

“Fun ao instituto na rúa San Marcos, no edificio da Deputación. No andar baixo estaba o instituto e no último, Maxisterio e a Biblioteca. Lembro con moito cariño os grandes profesores que tiñamos, desde Alfredo Rodríguez Labajo a Froilán López, Francisco Bernis, Antonio Fraguas, Delio Mendaña e Lázaro Montero. Xente dunha categoría moi superior da que podía ter Lugo, pero debido á situación política algúns profesores represaliados viñan castigados. Tiñamos esa sorte. Curiosamente, logo na Escola de Enxeñeiros Agrónomos de Madrid chegou un novo profesor que era Bernis. De seguido comuniqueille a todos a sorte que tiñamos por telo como mestre”.

O certo é que el tamén viña ben inciado, porque o seu primeiro profesor “foi don Xesús Yáñez, pai do doutor Yáñez Rebolo, que tiña escola na rúa do Sol, hoxe San Froilán. Nas aulas de don Xesús os que sabiamos máis da táboa de multiplicar mesturábannos cos que non a sabían, para que fósemos nós mesmos os que llela aprenderamos. Eu aprendín a falar en público tendo sete ou oito anos grazas a este método”.

“Don Xesús Yáñez conseguiu darlles estudos a todos os seus fillos cun esforzo enorme. A medida que as súas clases tiñan máis éxito dedicaba máis cuartos da casa a aulas, mentres a familia amoreábase nos sobrantes. Don Xesús deume a min a base forte que me permitiu facer estudos superiores”.

Comenta