Lorenzo Varela, Seoane e Celso Emilio nunha mesma morte

Onte cumpríronse os 103 anos do nacemento do poeta no barco La Navarre, a piques de chegar a La Habana

COMO DI CON moito acerto Antón Lopo no centenario do escritor, Lorenzo Varela (Alta mar, 1916), morre en tránsito, como nace, pois se o nacemento ocorre a bordo do vapor trasatlántico La Navarre _ o barco onde os pais viaxan de Monterroso a Cuba _, a morte vén buscalo nunha ambulancia que percorre as rúas de Madrid na procura dunha salvación imposible. Sempre a piques de chegar.

Podería tamén dicirse, xogando a metafórico, que foi un Ulises entre dúas sereas, a do mar das Antillas e a do vehículo de Urxencias que levaba o canto triste ao seu paso polas rúas aquela mañá do 25 de novembro de 1978.

As outras, as que celebraron a súa chegada ao mundo nun camarote de La Navarre, cantaron o 10 de agosto de 1916, é dicir, tal día coma onte, hai cento tres anos.

As sereas simbólicas e as reais foron unha constante na vida de Lorenzo Varela, mesmo para as persoas que tiña ao seu redor. Celso Emilio Ferreiro morre o 31 de agosto de 1979, antes do primeiro cabodano de Lorenzo. As penúltimas liñas que escribe na súa vida o poeta de Celanova foron para crear un pequeno artigo en castelán que vai publicar o ABC precisamente o 30 de agosto, é dicir, o día anterior á súa morte.

Títulase “Homaxe de Lorenzo Varela”, e nel Celso Emilio conta como é que Luis Seoane preparaba na Coruña o deseño dun libro así chamado, como homenaxe ao seu amigo e compañeiro de emigración Lorenzo Varela, falecido nove meses antes, cando o propio Seoane é visitado pola Parca, feito que ocorre o 5 de abril dese mesmo ano.

Celso Emilio fai referencia a unha nota que se inclúe no libro para explicar que cando xa estaba no prelo, desaparece Seoane sen concretar nin a portada _ que vai ser un boceto do artista con tres follas que tiña intención de esculpir en madeira _, nin a dedicatoria, aínda que a súa intención era que fose naturalmente a Lorenzo Varela e a súa viúva, a anticuaria xudía Marika Gerstein.

O libro, “en edición Cuco Rei de Luis Seoane”, conta cun texto da escritora brasileña Lidia Besouchet e os versos do poeta de Monterroso.

Moi probablemente Celso Emilio non chega a ver publicado ese histórico artigo no que se da conta das mortes de Varela, Seoane e a súa propia. E para rematar o ano, o 1 de decembro vai morrer tamén Eduardo Blanco Amor. Sempre a piques de chegar.

Diciamos que o artigo de Celso Emilio fora o penúltimo traballo da súa vida, porque os paradoxos do destino queren que o derradeiro sexa tamén outro homaxe a Lorenzo Varela.

O 6 de setembro, cando xa leva seis días morto, o mesmo xornal de Madrid vai publicar a reseña do seu colaborador C.E.F., sobre o libro Poesías de Varela, que Edicións do Castro tira do prelo pola súa morte e onde se recollen os poemas dos seus libros: Torres de amor, Catro poemas para catro grabados, Lonxe e Homenaje a Picasso, ilustrados novamente con dezanove grabados de Luis Seoane.

O de Celanova felicítase pola edición de Poesía, xa que era unha obra de difícil adquisición, da que todo o mundo falaba, pero que moi poucos leran.

Acompaña o seu derradeiro artigo _ este si _, dunha breve biografía de Lorenzo Varela onde di que logo do seu regreso a España en 1976 reside provisionalmente en Madrid, “agardando a súa instalación definitiva en Galicia”, que xamais virá, agás para ser soterrado tres anos despois no cemiterio de San Martiño de Fufín. Sempre a piques de chegar.

E así foi como as tres mortes veñen de súpeto entre sereas.

Comenta