Aquilino chama criminais aos das JONS

O 25 de xullo de 1936, o de Abadín publica un sorprendente artigo en Santiago, cando a cidade xa é de Franco

NOS ÚLTIMOS DÍAS de abril de 1936, Fole pronuncia unha histórica conferencia no local do P. Galeguista lucense, Encol da Renacencia galega. Nela debuxa o panorama artístico dese intre, sen imaxinar que vai ser a foto fixa da cultura antes da guerra.

Do teatro fala mal, agás de A fiestra valdeira, de Dieste. Tamén da novela, onde salva Os dous de sempre, de Castelao. Pola contra amosa a súa ledicia polo bo estado do conto, do ensaio e da lírica, con Noriega, Cabanillas, Sigüenza, Blanco Amor, Pimentel, Cunqueiro, Carballo Calero e Aquilino Iglesia (Abadín, 1909).

Con contadas excepcións, a producción lírica comeza entón unha década de silencio ata 1947, cando precisamente Aquilino tire do prelo Cómaros verdes, grazas á imprenta Celta, non a de Lugo, senón a de González Lazán en Vilagarcía.

Neses dous intres, 1936 e 1947, Aquilino corre graves perigos. Aínda hoxe é difícil explicar por que libra. Imos velo.

No 1933, cando Núñez Búa marcha a América, Crecente Vega pasa a ocupar a dirección do León XIII. O de Castro de Rei ábrelle a porta a Aquilino para dar aulas alí, xa que aínda non tiña validados os estudos do Seminario na Universidade.

Entre Crecente, Borobó e Álvaro de las Casas, argallan un sistema polo cal Aquilino pode dar clases en Vilagarcía, matricularse en Noia e facer os exames en Santiago, ou algo semellante. Supoño que a ollos de hoxe alguén podería chamalo corrupción, pois Borobó cobra 40 pesetas por prestarlle o título.

Todos están vencellados ao PG e aos seus medios, se é que non son dirixentes, coma Álvaro de las Casas. Daquela Aquilino colabora neles como un dos novos representantes da lírica, xa que logo no 33 xa ten publicados en Lugo Señardá e Corazón ao vento.

Desde o día 21 de xullo de 1936 Galicia enteira está decantada polos sublevados, sexa por vontade, ou á forza, aínda que durante dúas semanas El Eco de Santiago abre as súas páxinas cun berro ambivalente: ¡Viva el Ejército Libertador! ¡Viva la República! Como para criticalo.

Santiago está en festas do Apóstolo e os xornais preparan páxinas especiais para o 25, Día de Galicia coma hoxe, 73 anos despois. É o caso de El Compostelano, que ese día acolle nomes ben contrastados, como Ramón Fabeiro, presidente da Arquiconfraría do Apóstolo, ou eruditos sen sospeitas de ser roxos, como Lence-Santar, Pedret Casado ou Chamoso Lamas… pero ninguén repara no contido dun artigo que asina un tal Iglesia Alvariño, precisamente co que se pechan as oito páxinas do extra.

É evidente que o artigo está composto hai tempo, mesmo antes do día 18, porque doutro xeito non se explica que poda ver a luz nesas circunstancias.

Todo el é un canto á mocidade galega fronte ás visións foráneas da terra, pero chegado un momento, Aquilino di: “Estes espíritos anónimos e impotentes son a materia apta para dar corpo axeitado as aberracións de sociedades como as JONS que poidan regodearse sádicamente cos crimes de Hitler…” Abonda co paragrafo para comprender que o pescozo de Aquilino estivo preto da guillotina. ¿Ninguén repara nel?

Noutro ano de 1947, cando sae Cómaros…, contan que o militar marroquí Mohamed ben Mizzian, que tiña moita influencia con Franco porque lle salvara a vida na guerra, protesta diante del por saír un libro en galego. Franco faille ver que se non fala mal do Goberno, nin da Virxe, nin da relixión, deben deixar que cadaquén utilice a súa lingua “para que se conserve”. O caso é que nin ao pescozo, nin a Cómaros… nada lles pasou.

Comenta